O BNG pregúntalle ao Goberno de Hernández polas marquesiñas de autobús do barrio da Pontepedriña
Moita da veciñanza é de idade avanzada e o cambio provoca que teña que baixar do autobús nunha pendente e logo retroceder até o paso de peóns
Santiago de Compostela, 9 de setembro de 2014.- O grupo municipal do BNG rexistrou unha pregunta para coñecer as previsións do Goberno municipal sobre as paradas do autobús urbano no barrio da Pontepedriña, en concreto por onde foi retirada unha marquesiña na entrada do Parque Eugenio Granell, a carón da rotonda que dá entrada aos grupos Cardenal Quiroga e Compostela.
Despois do traslado da marquesiña á altura do número 22 da rúa do Restollal houbo un tempo en que o autobús facía as dúas paradas. Logo paraba só diante da marquesiña, o que causou as queixas dos usuarios e das usuarias. Hai que ter en conta que nas vivendas máis próximas a esta parada moita da veciñanza é de idade avanzada e este cambio provoca que teña que baixar do autobús nunha pendente e retroceder varios metros para chegar ao paso de peóns que dá acceso ás súas casas. Na actualidade, algunhas veces o autobús fai a parada primitiva.
Así, o BNG ante as dúbidas transmitidas polas persoas usuarias da zona, pregúntalle ao Goberno de Agustín Hernández as previsións sobre as paradas do autobús nesta zona, para saber se ten previsto a reposición da marquesiña á situación anterior e se, de repoñela, manterían as dúas.