Rafael Vilar require ao Goberno local que promova o uso do galego na actividade cultural que apoia
O WOS INC é unha oportunidade perdida de achegarse en galego ao público destinatario deste evento, afirma o concelleiro
Santiago de Compostela, 10 de setembro de 2014.- O BNG requírelle ao Goberno local que promova o uso da lingua galega nas iniciativas culturais que apoia e pon como exemplo de exclusión o WOS INC, que se desenvolve esta fin de semana, amparado polo ciclo Compostela Rock e que está organizado pola Concellaría de Cultura de Santiago.
É unha nova mostra da desidia do Goberno municipal coa lingua, pois a publicidade deste evento e a súa web informativa exclúen o galego cando a Administración ten o deber de promovelo nas campañas de divulgación das actividades que apoia, explicou. Trátase dunha oportunidade perdida de achegarse en galego ao público destinatario deste evento que aglutina música, gastronomía, fotografía e audiovisual, sinalou o concelleiro nacionalista, e que ademais ten escasa presenza de artistas do noso país.
Lembrou que o BNG xa defendeu no Pleno unha proposición destinada a potenciar o sector cultural galego, mediante a contratación de profesionais das artes escénicas e musicais de Santiago e de Galiza na programación municipal de cultura e de festas. Así, Rafael Vilar advertiu de que o Goberno de Agustín Hernández persiste na inexistencia de políticas públicas favorábeis á cultura galega e demandoulle unha xestión política responsábel e sostíbel para evitarmos o progresivo desmantelamento cultural e artístico da nosa cidade.
Reverter o investimento público na consolidación de emprego
O concelleiro require, deste xeito, que se incremente a porcentaxe de contratacións culturais de artistas da propia cidade e de Galiza, para contribuír ao mantemento dos postos de traballo no sector cultural. Lembra que só así se pode favorecer o uso do idioma galego no ámbito cultural da nosa cidade, revertendo o investimento público na consolidación do emprego e na expresión artística galega.
Ademais, afirmou, Santiago de Compostela foi historicamente unha referencia clara a favor da lingua e da dinamización artística do país e, na actualidade, moitas destas industrias culturais está en risco de desaparecer pola falta de apoio dende as administracións públicas.