O BNG abre un proceso de diálogo coa asemblea Construíndo Futuro
Será o xoves 18 de setembro ás 20:00 na Facultade de Filosofía, en Mazarelos
Santiago de Compostela, 11 de setembro de 2014.- O BNG de Santiago convoca unha asemblea aberta co lema Construíndo Futuro, concibido como unha proposta integradora e participativa de base nacionalista cara ao proceso das eleccións municipais de 2015, que será o xoves 18 de setembro ás 20:00 horas na facultade de Filosofía, na praza de Mazarelos.
En rolda de prensa, a deputada Ana Pontón e a responsábel local Lucía Vázquez, acompañadas dun grupo de militantes e de simpatizantes, afirmaron que se abre un diálogo de todas as persoas preocupadas neste momento pola situación do país, polo retroceso en dereitos democráticos e pola necesidade de construír unha asemblea para fortalecer o proxecto nacionalista en Galiza.
Ana Pontón destacou que a este proceso súmanse persoas procedentes dos movementos sociais, veciñais e culturais que coinciden na loita por reivindicar os dereitos democráticos. Hai que darlle unha resposta forte aos ataques e recortes sociais dos últimos anos que abranguen tanto o dereito dos pobos a decidir como os dereitos sociais, indicou, porque son as dúas caras dunha mesma moeda
Neste momento de crise consideramos vital que Galiza exista como suxeito político e para iso é necesario incrementar a conciencia nacional e os problemas do noso país, indicou, que só se van solucionar se ten capacidade para decidir e enfrontar dende nós propios os problemas sociais, porque ese centralismo é a causa que impide que os sectores produtivos contribúan a crear emprego e provoca a intolerancia dende o punto de vista lingüístico e cultural.
Este proceso pretende escoitar esa base social nacionalista das persoas preocupadas polo futuro da nosa lingua e da nosa cultura, que queren darlle un xiro a este réxime co fin de pór as institucións ao servizo do pobo e por liberarnos desa corrupción. Subliñou o caso dos procesos de Catalunya e de Escocia, pobos que reclaman un futuro diferente e representan unha alternativa de saída a este sistema corrupto e apostan por construír novos espazos de libre decisión dos pobos e por darlle resposta dende eles mesmos á crise.
Pola súa parte, Lucía Vázquez sinalou que en Santiago de Compostela é especialmente necesario este proceso de contacto coa cidadanía pola situación de anomalía democrática dos últimos tres anos, con tres alcaldes do PP que atentan día tras día contra os dereitos cidadáns, contra a liberdade de expresión e contra o uso da vía pública, puxo a modo de exemplo.
Para o BNG é importante porque quere volver levar a Compostela a ser a capital que foi, cun proxecto para a nosa cidade, mediante un diálogo coa cidadanía para chegar á próxima cita electoral coa maior participación posíbel, cun proceso de diálogo para enriquecer a nosa alternativa, explicou.
Engadiu ademais que así como no BNG estivemos a carón das plataformas, alí onde había conflitos sociais, que foron moitos, seguimos nesta senda e por iso convocamos esta asemblea para o xoves 18 de setembro ás 20:00 na Facultade de Filosofía para, entre todos e todas, levar Santiago de Compostela para adiante.