Rubén Cela: É un desprezo que só arranxen os tramos que visita Merkel e a Volta Ciclista"
Ao goberno local do PP só lle interesa un lavado de cara para as visitas e non solucionar os problemas evidentes que padece a cidadanía de Santiago todo o ano
Santiago de Compostela, 12 de setembro de 2014.- O portavoz do grupo municipal do BNG cualificou de falta de respecto do Goberno do PP á veciñanza de Santiago as prácticas de acondicionar os tramos dos lugares que visitou a chanceleresa Angela Merkel e agora por onde transcorre a Volta Ciclista.
O feito de que arranxasen tan só uns quilómetros á entrada do Camiño de Santiago para a visita da chanceleresa Merkel e que agora tapen as fochancas das rúas do traxecto por onde pasa a Volta Ciclista constitúe, en palabras de Rubén Cela, un desprezo permanente do Goberno do PP de Santiago aos seus veciños e veciñas, pois só lle interesa un lavado de cara para as visitas nunha actitude de claro servilismo e non solucionar os problemas evidentes que padece a cidadanía todo o ano.
Isto evidencia que o Goberno local é consciente do mal estado tanto do Camiño de Santiago como do grave deterioro das rúas da cidade e dos seus accesos, tal como expuxo o BNG en reiteradas ocasións. Rubén Cela lembra que o BNG reivindicou un Plan integral de acondicionamento de vías e beirarrúas, posto que estes parches realizados nos últimos tres anos non son a solución a un problema de seguridade viaria derivado da falta de mantemento das infraestruturas, tanto en Santiago de Compostela como en Galiza.