O BNG pregunta polas antenas de telecomunicacións que permanecen instaladas pese á orde de derrubo
A veciñanza do Castiñeiriño trasladoulle a súa preocupación ao BNG porque estas instalacións de telefonía móbil non se adecúan á normativa
Santiago de Compostela, 12 de setembro de 2014.- O grupo municipal do BNG rexistrou unha pregunta dirixida ao Goberno local para coñecer as previsións sobre a retirada de antenas de telecomunicacións que se atopan en situación irregular e que, algunhas delas, teñen orde de derrubo.
A formación nacionalista en Raxoi realizou esta pregunta ante a preocupación da veciñanza sobre a permanencia de diversas antenas de telecomunicacións instaladas na cidade que non se adecúan á normativa actual e que mesmo cinco delas contan con orde de derrubo, por exemplo a do IES Lamas de Abade do Castiñeiriño que causa especial inquedanza por estar neste emprazamento.
Para o BNG é necesario tamén que o Goberno dirixido por Agustín Hernández dea a coñecer os resultados do estudo encargado sobre estas antenas en relación á súa adecuación á normativa.