O BNG de Compostela organiza este mércores o acto "Paremos o xenocidio en Palestina"
O BNG de Compostela organiza un acto aberto baixo o nome 'Paremos o xenocidio en Palestina' este mércores, día 16 de xullo ás 21.00h na Praza do Toural. Entre outras persoas, intervirá Fayez Badawi, representante da Fronte Popular para a Liberación de Palestina.
Con este acto, o BNG quere expresar a súa condena ao que cualifica de "xenocidio" do pobo palestino a mans do Estado de Israel, que actúa con impunidade con esta nova vaga de ataques indiscriminados que están a causar ducias de mortos e miles de feridos e detecións ilegais masivas ante a indiferenza da comunidade internacional.
O BNG quere amosar así a súa solidariedade coa causa palestina e demandar o cese inmediato dos ataques. Tamén se pretende co acto, aberto a toda a cidadanía, que os composteláns e compostelás coñezan cal é a situación neste momento en Palestina e poidan unirse a esa demanda de xustiza para un pobo que está a ser masacrado.