O BNG considera un “profundo erro” do alcalde integrar edís non electos na Xunta de Goberno

O BNG considera un “profundo erro” do alcalde integrar edís non electos na Xunta de Goberno

Rubén Cela considera que foi desafortunado por parte de Agustín Hernández denominar “postureo político” unha protesta cidadá lexítima ás portas do pazo de Raxoi para reclamar democracia para Santiago de Compostela

Santiago de Compostela, 9 de xullo de 2014.- O portavoz do grupo municipal do BNG de Santiago, Rubén Cela, valorou o reparto das áreas de Goberno local encabezado por Agustín Hernández e sinalou que se trata do “enésimo cambio neste mandato do responsábel político á fronte de cada área, cos prexuízos que iso xera na interlocución coa veciñanza e no propio persoal municipal no seu traballo ordinario”.

Ademais, cualificou de “profundo erro” na liña da “fraude democrática” conformar con cargos non electos a Xunta de Goberno Local, cando existe un auto do TC 93/2013 aclaratorio da sentenza do TC 103/2013 que di textualmente que “a declaración de inconstitucionalidade e nulidade desprega todos os seus efectos tanto no relativo á composición das xuntas de gobernos locais que han de estar conformadas unicamente por concelleiros electos”. “Entendemos esta aclaración non só circunscrita á chamada lei de grandes cidades, senón na súa globalidade”, engadiu.

Rubén Cela fixo tamén mención ás chamadas á unidade institucional e ao consenso, como sempre estivo disposto o BNG, e á declaración de intencións expresadas por Hernández “mais non é positivo que o novo alcalde comece faltando á verdade e descualificando” a protesta social e o labor da oposición.

Deste xeito, considera que foron “desafortunadas” as súas declaracións ao cualificar de “postureo político” unha protesta cidadá lexítima e pacífica ás portas do pazo de Raxoi para reclamar democracia para Santiago de Compostela ante o que entende como unha fraude de lei. “Iso non é propio dun alcalde recén estreado”, indicou. “Un demócrata non pode cualificar unha protesta social como un paripé político”, sinalou, “e debería respectar que haxa organizacións políticas e veciños e veciñas que non están de acordo” co nomeamento de edís que non pasaron polas urnas.

“Falta á verdade de xeito deliberado e reiterado”, explicou en relación ás súas afirmacións sobre que “esta era a saída que reclamaba a oposición; dende logo, no caso do BNG non é así” porque ante a crise do Goberno local do PP, a formación nacionalista esixiu a convocatoria de eleccións anticipadas e a dimisión dos cargos imputados por corrupción e prácticas especialmente graves coa substitución polos seguintes da lista coa que concorreu ás eleccións de 2011. “Nunca propuxemos unha solución como a que adoptou o PP”, subliñou.

O BNG coincide no obxectivo de recuperar a normalidade e o PP “vén dar a razón do que reclamamos nestes tres últimos anos, que a situación que vivía Santiago era excepcional”.

Así, Rubén Cela emprazou a que o primeiro que ten que facer o novo Goberno é “recuperar a imaxe e o prestixio de Santiago de Compostela, que non é o mesmo que recuperar a imaxe do PP; esa é a primeira obriga pendente”. Ten que volver pór á cidade no lugar que lle corresponde porque o prestixio pérdese rápido e tarda moito en restabelecerse, dixo. Requiriu tamén esforzos para recuperar o normal funcionamento interno do Concello de Santiago, “porque houbo tres anos de inacción e un mes de absoluto parón e descontrol na cadea de mando deste Concello de Santiago”.

O BNG considera un “profundo erro” do alcalde integrar edís non electos na Xunta de Goberno