O BNG insta ao Goberno local a aplicar medidas de prevención de incendios nos terreos municipais
A veciñanza do Castiñeiriño manifestou a súa preocupación nunha reunión co BNG porque o Concello non elimina a maleza que lle corresponde
Santiago de Compostela, 10 de xullo de 2014.- O grupo municipal do BNG insta ao alcalde a adoptar as medidas que lle corresponden en materia de prevención de incendios en terreos de titularidade municipal, posto que dende o 1 de xullo está declarada a época de perigo alto e estes labores aínda non se realizaron en moitos lugares. En concreto, o BNG pon como exemplo a necesidade de rozar as parcelas municipais da contorna do SUNP-11 do Castiñeiriño, tal como expresou a veciñanza da zona nunha reunión mantida co grupo municipal, xa que a maleza ameaza urbanizacións e invade beirarúas e parques infantís.
O BNG lembra que xa lle trasladou esta demanda ao Goberno local no mes de abril, para que comezasen os labores de prevención de incendios forestais correspondentes á primavera e así contribuír a reducir o risco de lume no verán. Porén, o Goberno local do PP segue a contratar tarde a execución destes traballos anuais.
Ademais, recorda que en 2013 se aprobou, por unanimidade, unha proposición do BNG relativa á necesidade de darlle cumprimento á normativa vixente en materia de prevención e loita contra incendios forestais en Santiago de Compostela, ao estar declarado como Zona de Alto Risco no Plan de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais de Galiza.
O BNG insiste en que é imprescindíbel actuar con medidas de prevención nos montes de titularidade municipal e da Xunta de Galiza, como na aba do Pedroso e na Selva Negra, zonas moi castigadas polos incendios forestais. Advirte tamén de que hai que darlle facilidades e indicacións á veciñanza sobre a responsabilidade de rozar a vexetación que medrou durante o inverno preto das vivendas para evitar riscos.