O BNG reclama axilizar as xestións para pór en marcha a cafetaría da estación de autobuses
Pese á necesidade existente de viaxeiros e viaxeiras de usar a cafetaría da estación de autobuses e ao compromiso adquirido cos traballadores, non se coñecen avances do Goberno local cara á recuperación deste servizo
Santiago de Compostela, 11 de xullo de 2014.- O grupo municipal do BNG demandará no vindeiro Pleno que se axilice a solución para restabelecer na estación de autobuses o servizo de cafetaría e de restauración en condicións que permitan a continuidade dos traballadores.
En rolda de prensa, o portavoz explicou que se trata dunha demanda recorrente do BNG porque é un servizo importante nunha cidade como a nosa, na que diariamente fan uso da estación un elevado número de persoas e teñen na cafetaría un espazo acaído para as esperas máis ou menos prolongadas.
Ademais, o peche do servizo, en marzo deste ano, deixou sen traballo un colectivo de profesionais que levaba moitos anos a desempeñar a súa actividade e cos que o anterior concelleiro responsábel da área, Luís Bello, adquirira o compromiso de velar pola súa continuidade. No Pleno de febreiro deste ano o BNG presentou un rogo no mesmo sentido e a acta recolle o compromiso de que, así como se fixera nos primeiros pregos de condicións, nos vindeiros tamén se recollería a subrogación dos traballadores. Aínda que non se fixo exactamente así, incluíuse neles a relación de persoal coas circunstancias de cada un. Pese a que as condicións variaran significativamente á baixa entre o primeiro concurso e o segundo, este, como é sabido, tamén quedou deserto.
O primeiro concurso iniciárase en setembro de 2013; a el presentárase unha única empresa que se retirou en decembro; logo de pechar o servizo en marzo iniciouse outro proceso para a contratación, con condicións máis suaves, pero non se presentou ningunha empresa. Até a actualidade, pese á necesidade existente de viaxeiros e viaxeiras de usar a cafetaría da estación de autobuses e ao compromiso adquirido co persoal, non se coñecen avances cara á recuperación deste servizo.
Estamos, xa que logo, diante dun triplo problema: a estación sen servizo de cafetería e restaurante, o persoal sen traballo e o Concello de Santiago, a través de Tussa, sen recibir as contribucións económicas derivadas desta concesión, concluíu.