O BNG rexeita a intervención da Policía local no desafiuzamento producido en Concheiros
Presentaralle unha pregunta ao alcalde para coñecer quen deu esa orde cando hai un acordo plenario, impulsado polo BNG, para evitar estas intervencións
Santiago de Compostela, 14 de xullo de 2014.- O Goberno local de Santiago incumpriu o acordo plenario, impulsado polo grupo municipal do BNG, destinado a que a Policía local teña instrucións expresas de non intervir nos casos de desafiuzamentos que se poidan producir na cidade. En concreto, o BNG preguntaralle ao alcalde quen deu a orde para que a Policía local de Santiago participase o pasado xoves 10 de xullo ás 9:15 horas nun desaloxo dun estabelecemento comercial na rúa dos Concheiros, a pesar de que o grupo municipal do PP argumentara no Pleno que este corpo de seguridade carece desa competencia.
A iniciativa aprobada no Pleno de novembro de 2012 ía destinada, ademais, a modificar a Lei Hipotecaria para frear os desafiuzamentos, explicou o concelleiro Rafael Vilar, porque significan a cara dramática da crise; son un problema social que supera o ámbito do individual.
O BNG conseguiu un acordo por unanimidade, cunha transacción do PP, para instar ao Goberno galego e ao Goberno do Estado, nos seus respectivos ámbitos de competencias, a amosar sensibilidade na paralización dos desafiuzamentos e a avanzar na defensa dos debedores hipotecarios vulnerábeis, para consolidar e mellorar o novo marco xurídico da Lei Hipotecaria á vez que se facilitan vivendas de aluguer social para quen perdan os seus fogares.
Cómpre lembrar que o BNG defendeu a modificación da Lei Hipotecaria e a dación en pago no Congreso xa en marzo de 2011 e no Pleno do Concello de Santiago en novembro de 2011, en febreiro de 2012 e en novembro de 2012, cando se acadou este acordo. Considera o BNG que tanto o decreto aprobado polo PP como a modificación posterior son insuficientes porque deixan fóra a maior parte das persoas afectadas e non propón modificacións lexislativas básicas, como aconteceu neste caso na rúa de Concheiros, sinalou o concelleiro Rafael Vilar.