O BNG demanda unha supervisión constante nas obras de Basquiños para minimizar as molestias
Rubén Cela esixe unha maior coordinación e información para evitarlles prexuízos innecesarios á veciñanza
Santiago de Compostela, 26 de agosto de 2014.- O portavoz do grupo municipal do BNG, Rubén Cela, sobre as protestas aos cortes de auga efectuadas por parte de estabelecementos comerciais, perruquerías e hostalaría por mor das obras da zona de Basquiños, sinalou que a interrupción do servizo de abastecemento se pode efectuar dun xeito máis consensuado coa veciñanza e comerciantes que minimice as incomodidades, por exemplo por pequenos tramos horarios cando menos molesten á poboación ou se for posíbel pola noite, como se fixo en anteriores ocasións e co fin de evitar prexuízos económicos.
Existen na actualidade 14 rúas sen subministro de auga durante todo o día e as cancelacións de hoteis, perruquerías e estabelecementos xa se deixan notar, segundo alertou a veciñanza da zona.
O BNG advirte tamén da demora na execución desta actuación, que xa fora aprobada en xunta de goberno do 3 de abril e, en vez de realizarse aproveitando todo o período estival, prolongaranse até os meses en que as condicións meteorolóxicas non son as máis acaídas, ademais de haber máis tráfico rodado que terá que ser desviado ao iniciarse o período escolar e retormase a actividade laboral tralo mes de agosto. Ao final, esta demora na execución das obras proxectadas quen a paga é a veciñanza.
Cómpre lembrar que os fondos proceden do Urbana Santiago Norte, conseguidos e xestionados polo BNG na súa etapa de Goberno, e que agora son usados in extremis polo actual Goberno local para non perderse estas achegas.
O BNG reclámalle ao Goberno de Agustín Hernández unha supervisión constante desta obra para evitar atrasos e comprobar que vaia segundo o proxecto, co fin de evitar molestias innecesarias á veciñanza e que se prolonguen máis do tempo previsto. Esixe, neste sentido, unha maior coordinación e información á veciñanza.