Elvira Cienfuegos afirma que o alcalde acordouse tarde do mantemento do paseo fluvial do Sarela
O Goberno local tivo todo o verán para eliminar a maleza que dificultaba o paso e agardou até finais de agosto
Santiago de Compostela, 27 de agosto de 2014.- A concelleira do BNG Elvira Cienfuegos afirmou que o alcalde de Santiago acordouse tarde do mantemento do paseo fluvial do Sarela, posto que o Goberno local tivo todo o verán para eliminar a maleza que dificultaba o paso e agardou até finais de agosto para a realización destes traballos que reclamou insistentemente a veciñanza.
Para a concelleira do BNG, o verán é a época máis concorrida para pasear polas marxes do río Sarela pola sombra e frescor que ofrecen as árbores de ribeira nos días calorosos. É unha mágoa que o Goberno local do PP descoidase estes espazos de paseo á beira dos regatos que acondicionara o BNG cando gobernou en Compostela, explicou Elvira Cienfuegos.
Sinalou tamén que tanto o Goberno de Conde Roa, como de Currás e agora de Agustín Hernández sempre se preocuparon tarde de realizar os traballos de roza de vexetación para a prevención de incendios e, neste caso concreto, para o mantemento da transitabilidade das beiras de ríos e regatos a finais da tempada de verán, en vez de adiantalos para aproveitar o período estival tanto para o lecer da veciñanza como para potenciar que as persoas que visitan a cidade se interesen en coñecer os espazos naturais.