O BNG esixe a reprobación da Conta Xeral presentada fóra de prazo e con baixa execución orzamentaria
Rubén Cela insta, unha vez máis, ao alcalde de Santiago a que ofreza unha explicación do que está a pasar actualmente co canon do servizo de xestión de ORA e de guindastre
Santiago de Compostela, 3 de setembro de 2014.- O portavoz nacionalista en Raxoi, Rubén Cela, presentou en rolda de prensa os reparos e observacións do BNG á Conta Xeral 2013 do Concello de Santiago, que o Goberno local presentou fóra de prazo, cun baixo nivel de execución orzamentaria que fai baixar o investimento por habitante, cun modelo de endebedamento de xuros elevados e que non fai referencia ao canon do guindastre e da ORA que deixou de percibir.
Así, Rubén Cela explicou que o Goberno municipal do PP presentou esta Conta Xeral fóra de prazo, posto que debía renderse antes do 15 de maio, tal como sinala a Lei reguladora das Facendas Locais, e o informe ten data do 10 de xullo; ademais de convocar a comisión Especial de Contas o 14 agosto cando tiña que ser antes do 1 de xuño. Para Rubén Cela, esta é mostra de que multiplicar os altos cargos de dirección como fixo o PP ao dispor de tres interventores/as, dous tesoureiros, unha xefa de área e un novo técnico economista segue a incumprir os prazos a pesar de ser o único concello de Galiza que conta con tal cantidade de cargos de dirección nos servizos económicos.
A política en material laboral do PP nestes tres anos de mandato centrouse en incriminar, recortar e degradar a figura de traballadores/as públicos deste Concello en detrimento de incorporar e de engordar a listaxe de persoas con cargos de libre designación e de confianza, sen que iso repercutise en ningún ámbito na mellora da xestión, explicou. Así, referiuse ás declaracións de Agustín Hernández de que a xestión neste Concello é un caos e recomendoulle que empece por organizar o propio caos que creou o PP con esa disfunción de tres interventores e o da propia área de xestión económica.
Cartos que non se invisten a pesar das necesidades
Cuestionou tamén o modelo de endebedamento que segue o PP neste Concello, da contía pendente de devolver por préstamos de 12,7 millóns de euros nesta Conta Xeral demóstrase que este Goberno xerou nun único exercicio unha cuarta parte dese endebedamento a un tipo de xuro moi custoso e que, ademais, se emprega para gasto corrente e non para investimento. Isto provocou unha maior folgura orzamentaria que o propio Goberno non emprega nin para xestionar nin para investir e só provoca que haxa máis remanentes positivos de tesourería positivos ou superávit orzamentarios, o que dá imaxes erradas porque iso ten un custe moi elevado para a veciñanza e existen múltiples e urxentes necesidades que acometer na cidade con eses cartos que non se chegan a investir, indicou.
Baixa o gasto por habitante
Así, o BNG advirte que a mellora dalgúns indicadores contemplados nesta Conta Xeral débense á baixa execución do gasto, se por unha parte temos un aumento artificioso da liquidez e por outra parte non se inviste, non se corresponde coa mellora da situación patrimonial nin real do propio Concello. Deste xeito, en 2010, en plena crise, o gasto por habitante en Santiago se cifraba en 1.173 euros e en 2013 é de 939 euros.
Ausencia contábel da ORA e do guindastre
O BNG incide tamén en que na Conta Xeral non figura o desfase existente no exercicio de 2013 entre o previsto por parte do Concello de recadación do servizo de ORA e de guindastre. Non existe ningún tipo de explicación contábel do feito de que non percibiu os ingresos previstos da empresa concesionaria, sinalou. Non aparece nada na Conta Xeral e tampouco o Goberno local se dignou a responder a pregunta do BNG rexistrada con data 14 de xullo a pesar de que regulamentariamente teñen 15 días de prazo, afirmou.
Instamos, unha vez máis, ao alcalde de Santiago a que ofreza unha explicación de que está a pasar actualmente sobre o servizo de xestión de ORA e de guindastre, que non ingresa o canon que lle corresponde ás arcas municipais cando antes da entrada do PP na Alcaldía roldaba os 200.000 euros anuais.