Rubén Cela: “Reitérolle ao señor Hernández que unha vaca non é unha mascota”

Rubén Cela: “Reitérolle ao señor Hernández que unha vaca non é unha mascota”

“Non sei que teima ten o PP que non quería as vacas no recinto feiral de Amio e agora tampouco as quere nas pistas das concentracións parcelarias”, afirma

Santiago de Compostela, 3 de setembro de 2014.- Rubén Cela, a preguntas de xornalistas sobre a sanción imposta a un gandeiro, cualificou este caso de “esperpéntico” que o Concello de Santiago multe un gandeiro que leva 40 anos levando a pacer as vacas “ás mesmas fincas e polos mesmos camiños”, coa contía máxima de 750 euros que recolle unha ordenanza para animais domésticos nas vías urbanas.

Afirmou que “é insólito e crea un precedente perigoso” e recomendoulle a Agustín Hernández que “empregue un pouco máis o sentido común”. “Reitérolle ao señor Hernández que unha vaca non é unha mascota, unha vaca non é un animal de compaña; non é comparábel un veciño ou unha veciña do Ensanche ou de calquera barrio urbano que saque pasear o seu can e que non recolle os excrementos da súa mascota cun gandeiro do rural que exerce o seu traballo e é do que vive”, indicou.

Referiuse tamén a que o emprazamento da sanción que quere aplicar “se trata dunha pista dunha concentración parcelaria creada para facilitar o acceso de maquinaria e do propio gando á finca que forma parte da explotación”. “Non sei se Agustín Hernández está disposto a dicirlles aos veciños do rural que teñen explotacións agrogandeiras no termo municipal de Santiago que son susceptíbeis de recibiren sancións de 750 euros se non recollen os excrementos do gando”, explicou.

“Santiago de Compostela, afortunadamente, é moito máis que o Ensanche e a zona histórica, que ten máis de 200 km2 e que ten moito rural que, por desgraza, ten perdido moitas explotacións gandeiras, porque é un sector o da carne e do leite que padece unha situación delicada posto que, algunhas veces, os beneficios nin cobren os custes de explotación e o último que precisan é que unha administración pública, neste caso a máis próxima como é o Concello, lles poña máis paus na roda”

É un inmenso erro non entender que é prioritario para Santiago de Compostela a diversificación da súa base económica e produtiva, indicou, “porque temos un sector terciario dimensionado pero un sector industrial e primario cun gran potencial que non se explota todo o que se puidera e este tipo de sancións e políticas van na dirección oposta. “Non sei que teima ten o PP que non quería as vacas no recinto feiral de Amio e agora tampouco as quere nas pistas das concentracións parcelarias”, afirmou.

Reclama que se inclúan estas vías rurais no servizo de limpeza municipal

Indicou tamén que o BNG insiste en anular esta sanción e, se fose preciso, aclarar a ordenanza á que fai referencia aínda que mantén claro que exclúe os animais de abasto e require, ademais, que se inclúan estas vías rurais no servizo de limpeza municipal no caso de que o Concello estime que é preciso, para que poidan desenvolver a actividade agraria con normalidade e a pertinente sinalización do tránsito de animais nesas vías agropecuarias.

“Non son de recibo esas leccións sui generis de bioloxía de Agustín Hernández cando di que o gandeiro debe agardar un pouco máis cando levanta as vacas para que defequen nas cortes antes de levalas pacer”, indicou.

Rubén Cela: “Reitérolle ao señor Hernández que unha vaca non é unha mascota”