O BNG esixe a retirada da sanción a un gandeiro porque as vacas deixaron excrementos nunha vía rural
Aconteceu no traslado dos animais da explotación ao prado, nun zona de concentración parcelaria, polo seu interese agrario, explicou a concelleira Elvira Cienfuegos
Esta sanción responde a unha concepción urbanícola, discriminatoria e penalizadora da actividade agrogandeira, indicou
Santiago de Compostela, 1 de setembro de 2014.- A concelleira Elvira Cienfuegos anunciou en rolda de prensa que o BNG reclamará a retirada dunha sanción de 750 euros que o Goberno de Agustín Hernández pretende impor a un gandeiro da Enfesta, en Santiago de Compostela, porque no traslado da explotación agraria á zona de pasto as vacas ensuciaron a zona de paso emprazada nunha concentración parcelaria.
O BNG reclamará, ademais, que se sinalicen determinadas vías co indicador de animais en tránsito para deixar claro que se trata de áreas de explotación agrogandeira e que, de ser necesario, se modifique a ordenanza de convivencia, residuos e limpeza viaria se dá lugar a confusión, posto que aplicaron o apartado de animais de compañía cando esta norma exclúe a gandaría entendida como cría de animais con fins de abasto, indicou Elvira Cienfuegos en rolda de prensa.
Non é aceptábel que esta sanción se aplique nunha área de concentración parcelaria porque nin é posible evitar as deposicións dos animais nin a limpeza inmediata, cando é unha norma e unha sanción previstas para rúas urbanas e para animais de compañía, explicou.
Zona de especial interese agrario
O concello de Santiago, sinalou, aínda que ten unha zona urbana onde se concentra a maioría da súa poboación, conta cunha ampla superficie de activa explotación agrogandeira, que fan que estean integradas nas chamadas pola Xunta zonas de especial interese agrario (ZEIA). Diversas parroquias do concello foron obxecto de concentración parcelaria, un proceso de elevados custos económicos, executado pola Administración, para aumentar o tamaño das parcelas e dotar as zonas de vías de comunicación, coa fin de mellorar a produtividade agrogandeira. En concreto, a parroquia de Enfesta, onde está radicada esta granxa, foi unha das primeiras en ser obxecto de concentración parcelaria pola súa alta presenza deste sector produtivo.
Na actualidade, a Xunta de Galiza en liña coas directrices europeas promove a gandería extensiva ou semiextensiva polo seu interese social e a contribución á conservación do medio natural. Mesmo conta cun sistema de axudas, o CES, Contrato de Explotación Substentable, para acceder ao cal se require a utilización de pastos. Neste sistema de carácter semiextensivo desenvolve o seu labor esta explotación agrogandeira que vén de recibir comunicación de inicio de expediente de sanción por importe de 750 euros porque as súas vacas no traslado periódico aos pastos ensucian a vía cos seus excrementos.
O que cabe esperar do Concello é, non xa a promoción ou apoio a actividade agroandeira senón, simplemente que non poña obstáculos ao seu desenvolvemento, que xa conta con abondosos atrancos en forma de prezos dos seus produtos e dos seus insumos, concluíu a concelleira nacionalista.