O BNG persiste na esixencia de que dimitan todos os cargos implicados en temas de corrupción
O único camiño para rexenerar a actividade política e a democracia é a tolerancia cero coa corrupción, afirma Rubén Cela
Santiago de Compostela, 25 de abril de 2014.- O portavoz do grupo municipal do BNG, Rubén Cela, afirmou en rolda de prensa que canto máis se coñece da investigación da operación Pokemon, máis saen á superficie as cloacas do Partido Popular de Santiago, en referencia aos supostos negocios familiares de Paula Prado. Así, o BNG persiste na esixencia de que dimitan todos os cargos implicados en temas de corrupción.
Con independencia de que Paula Prado non estea imputada, até o momento, e das consecuencias legais que poidan carrexar os feitos que transcenderon da investigación no futuro, neste momento, en termos políticos son dunha gravidade máxima, indicou Rubén Cela.
Referiuse a que esta situación segue a desangrar a imaxe de Santiago, xa que Paula Prado foi unha peza clave no PP de Santiago e no Goberno municipal, do que foi a súa portavoz. Isto amosa tamén a complicidade do PP con este tipo de prácticas xa que hoxe Paula Prado segue a ser deputada, voceira do PPdeG e coordinadora da campaña do PP para estas eleccións europeas, indicou.
Cada novo dato que coñecemos, reafírmanos na posición que no BNG mantemos dende o primeiro momento: tolerancia cero coa corrupción e dimisión inmediata de todos os cargos públicos implicados en casos de corrupción, afirmou.
Para o BNG, ese é o único camiño para rexenerar a actividade política e a democracia, para que os cidadáns e as cidadás recobren a confianza nas súas institucións e nos seus representantes.
A vindeira semana, Feijóo terá unha proba de lume se a Audiencia Provincial desestima o recurso presentado polos sete edís imputados por prevaricación co xuízo oral marcado para o 19 de maio. Vai Feijóo obrigar a que a veciñanza de Santiago sufra a vergoña e o bochorno de ver a súa xunta de goberno no banco dos acusados?, preguntouse Rubén Cela.