O BNG reclama que se derrogue o convenio da obra de Galeras
É o PP quen vai detrás das reivindicacións sociais e políticas, como se demostrou co intento de peche da Feira de Gando e coa Finca do Espiño
Santiago de Compostela, 22 de agosto de 2014.- O portavoz municipal do BNG, Rubén Cela, sobre o informe técnico de Galeras que obrigou o Goberno de Agustín Hernández a paralizar as obras e a retirar o valado destacou que o PP vai sempre por detrás da oposición e da cidadanía que foron quen reclamaran que se suspendese esta actuación por entender que non cumpría a legalidade en canto ao interese xeral sobre os fins privativos dun espazo público. Polo tanto, o BNG esixe que se derrogue o convenio que está en fraude de lei e que o alcalde se comprometa a non retomar esta actuación nin tal e como está nin con variantes en ningún outro momento.
Así, sinalou que o tempo corroborou unha por unha as cuestións da veciñanza e do BNG e o alcalde debería pedir desculpas por non ter escoitado e actuado con maior celeridade, cando tiña constancia deste informe.
Referiuse Rubén Cela a que o BNG denunciara que non se podía facer unha ocupación dun espazo público para un fin privativo, que existía de facto a aceptación por parte do Concello nun cambio de uso no solo que o Plan Xeral define sen que se mudase o planeamento, que non se sometera a información pública e que, polo tanto, a veciñanza afectada non puido alegar, que era perímetro azul e carecía do informe preceptivo da Comisión Asesora de Casco Histórico, que non contaba con licenza municipal e que tocaba elementos estruturais de vivendas sen que existise conformidade coa comunidade de propietarios/as.
É o PP quen vai detrás das reivindicacións sociais e políticas, como se demostrou con anterioridade co intento de peche da Feira de Gando de Amio e coa Finca do Espiño, porque a mobilización vale para que o Goberno rectifique, indicou.