Cela fai un chamamento ao tecido asociativo para facer forza en Madrid e manter o partido xudicial
"A supresión do partido xudicial relegaría Santiago de Compostela a unha cidade de segunda
Gustaríame ver que os deputados e as deputadas do PPdeG no Congreso e no Senado votan en contra dese anteproxecto de lei
Santiago de Compostela, 25 de abril de 2014.- O portavoz do grupo municipal do BNG, Rubén Cela, fixo un chamamento público ao conxunto do tecido asociativo de Santiago de Compostela para subscribir a declaración institucional aprobada en Pleno e facer forza en Madrid para demostrar o rotundo rexeitamento á supresión do partido xudicial da nosa cidade.
Así, emprazou a asociacións empresariais, de comerciantes e veciñais; institucións como a universidade; e colectivos sociais a secundar a resolución conxunta das tres forzas con representación municipal sobre o rexeitamento á supresión do partido xudicial de Santiago de Compostela.
No Pleno deuse un paso importante, mais non pode ser o final dun percorrido senón todo o contrario: debe ser o inicio dun proceso de acumulación de forzas que visibilice en Madrid que o conxunto da cidadanía está rotundamente en contra de que se poida suprimir o partido xudicial, que relegaría Santiago de Compostela a unha cidade de segunda.
Unha lei impulsada polo PP
Rubén Cela indicou tamén que se ben o BNG saúda a posición do PP compostelán e galego sobre a defensa dos partidos xudiciais, este anteproxecto de lei parece que nace por ciencia infusa, pero non nace do Espírito Santo, ten dous pais que son Gallardón e Rajoy, e polo tanto é unha lei do PP. É o Partido Popular quen quere impor unha lei tremendamente lesiva para os intereses de Santiago de Compostela e do conxunto do noso país, engadiu.
Gustaríame ver que os deputados e as deputadas do PPdeG no Congreso e no Senado votan en contra dese anteproxecto de lei, afirmou.