Coa nefasta política de turismo, a cidade é destino de excursionistas e perde ocupación hoteleira
Os aloxamentos ilegais e as prazas de hospedaxe que oferta a Igrexa sen pagar o IBI son competencia desleal para o sector
Santiago de Compostela, 22 de agosto de 2014.- O portavoz municipal do BNG, Rubén Cela, sinalou en rolda de prensa que as políticas da Xunta e do Concello converten Santiago nun destino de visitantes e de excursionistas máis que en turistas interesados por coñecer unha cidade Patrimonio Cultural da Humanidade.
Así, destacou que os datos da Asociación de Hostalaría poñen de manifesto que as cousas non se están a facer ben cando no segundo mellor mes da historia en materia turística na historia do Estado español e nunha cidade na que calquera que dea un paseo pola zona histórica pode comprobar que está absolutamente abarrotada a ocupación caeu case 3 puntos no pasado mes de xullo.
Para Rubén Cela hai un problema sobre os que o Concello e a Xunta non actúan debidamente, o intrusismo e os estabelecemento ilegais. Neste sentido, lembrou que en xullo de 2011 o BNG xa fixera unha petición ao Goberno local para que actuase porque daquela, segundo os cálculos do propio sector, podían existir unhas 3.000 prazas de aloxamento ilegal en Santiago, ás que hai que engadir as ofertadas por internet e as da Igrexa que non paga o IBI nos seus estabelecementos de hospedaxe. Ambas son unha evidente competencia desleal para o sector hostaleiro, indicou.
Durante os tres últimos anos, dende que o BNG demandara medidas para evitar o intrusismo e a competencia desleal deste tipo de estabelecementos, lonxe de resolverse o problema, agravouse e fíxose crónico. Por iso reclamou unha maior coordinación interadministrativa e vontade política para atallalo porque ten consecuencias económicas, tanto no pagamento de impostos como na creación de emprego e falta de profesionalización e especialización e, ademais, na imaxe e na falta de seguridade ao non contar con garantías mínimas.
Sobre as deficiencias detectadas polo alcalde no Camiño de Santiago, Rubén Cela aludiu á desatención da responsabilidade nesta área cando durante 5 anos Agustín Hernández foi conselleiro de Infraestruturas na Xunta e a que María Antón foi directora xeral de Turismo entre 2001-2005. Está ben enfundarse a chaqueta de alcalde para arranxar o Camiño de Santiago, pero é que levou moitos anos a chaqueta de conselleiro e de vicepresidente do PP e desmantelou o SA Xestión do Plan Xacobeo, afirmou Rubén Cela.