Culmínase unha fraude democrática" coa toma de posesión dun Goberno de maioría non electos
A contestación policial ás protestas ante o pazo de Raxoi, que se saldou con dúas detencións, foi desafortunada e desproporcionada
Santiago de Compostela, 8 de xullo de 2014.- O grupo municipal do BNG marchou do Pleno extraordinario cando tomaron posesión os concelleiros e concelleiras non electos do PP que foron designados polo novo alcalde de Santiago de Compostela, o terceiro en tres anos, e deixaron as mensaxes de Goberno si, pero non así; Democracia para Compostela e Reservado concelleir@s elect@s, co obxectivo de denunciar que este proceso culminou nunha fraude en termos democráticos.
Segundo explicou Rubén Cela, se ben o BNG non discute a lexitimidade de Agustín Hernández para ser alcalde de Compostela, Santiago vai ter un grupo de Goberno coa maioría dos seus membros que non contan co aval das urnas. Isto nunca pasou nos 314 concellos do noso país nin nos máis de 8.000 que conforman o Estado español, trátase dunha absoluta anormalidade democrática que choca frontalmente co espírito e coa letra da propia Constitución española. Lembrou que o PP empregou un subterfuxio legal creado para a loita contra o terrorismo nun contexto de violencia e de ilegalización de partidos políticos cando resulta claro que ese non é o problema de Santiago de Compostela.
Tampouco hoxe comeza un novo mandato, como intentan vender, continúa o mandato de Conde Roa e de Ángel Currás con novas persoas e do peor xeito posíbel: cunha crise de lexitimidade en termos democráticos evidente, afirmou.
A posición do BNG a prol da democracia e contra a corrupción, tanto hoxe cunha protesta simbólica e pacífica como durante todo este proceso, é unha actitude responsábel e coherente co mandato da cidadanía; o BNG non pode calar e mirar para outro lado ante unha situación como a actual. Se alguén ten actuado de xeito irresponsábel e posto paus nas rodas foi o Partido Popular en Santiago de Compostela, sinalou. Así, avanzou que o BNG seguirá a fiscalizar a acción do Goberno local e a presentar alternativas e propostas en positivo para mellorar a calidade de vida da veciñanza e no seu conxunto a cidade de Compostela.
Ademais, saudou as declaracións de boas intencións de Agustín Hernández e do espírito inicial de contar coa oposición, colectivos sociais e persoal municipal; mais tamén lembrou que nas sesións de investidura de Xerardo Conde Roa e de Ángel Curras tamén se escoitaron declaracións de intencións pero que aos poucos días tornáronse nunha realidade ben diferente.
Fixo tamén mención á protesta cidadá ás portas do pazo de Raxoi cunha contestación no plano policial desafortunada e desproporcionada. Durante estes tres anos houbo concentracións pacíficas como a de hoxe, pleno si e pleno tamén, ás portas do pazo de Raxoi e nunca pasou absolutamente nada, afirmou. Alí estaban membros do BNG e diversos colectivos contra a corrupción, preferentes, plataforma de Galeras, CIG, stop-desfiuzamentos e Asemblea Aberta, entre outros, mais hoxe saldouse con dúas detencións, xusto no inicio da Alcaldía de Agustín Hernández e do novo Goberno local conformado por maioría de concelleiros non elixidos democraticamente pola cidadanía de Santiago.
Galería de imaxes