A demora nas licenzas, por parte do Goberno municipal, ten repercusións negativas na economía local
Titulares de explotacións agrarias van perder axudas da Xunta porque o Concello de Santiago non expediu os permisos en prazo para as obras
Santiago de Compostela, 7 de xullo de 2014.- O grupo municipal do BNG recibiu queixas da veciñanza de Compostela sobre a falta de dilixencia, por parte do Goberno local, na xestión ordinaria de licenzas municipais preceptivas para a execución de obras, coas repercusións negativas para a economía local que causa esta demora.
Dáse o caso de titulares de explotacións agrarias que van perder as axudas da Xunta para a modernización das súas instalacións ao non poder presentar as correspondentes licenzas que debe expedir o Concello de Santiago para executar as obras previstas, toda vez que o Goberno local ten paralizada en boa medida a xestión municipal ordinaria, e o 30 de xuño rematou o prazo prorrogado para a presentación da documentación que se lles require na convocatoria.
Deste xeito, o BNG trasladará ao vindeiro Pleno ordinario unha iniciativa destinada a que se axilicen as tramitacións de licenzas e o proceso de sinatura por parte do responsábel político desta área, de xeito que atenda as funcións para evitar as consecuencias negativas para a economía local que provoca este desleixo.