O Festigal 2014 será un escaparate da música reivindicativa do país
Nao, Sés, Festicultores, A Quenlla, Os da Ría, Grampoder e Habelas Hainas son algúns dos grupos que actuarán este 24 e 25 de xullo en Compostela
Santiago de Compostela, 3 de xullo de 2014.- Máis de cen actividades programadas nesta edición do Festigal 2014 encherán de creatividade cultural e artística o campus sur de Compostela o 24 e 25 de xullo, cunha oferta de lecer gratuíta destinada á mocidade que serve de escaparate da música reivindicativa do país.
Na rolda de prensa de presentación do Festigal, Alberte Mera (Galiza Nova), Tania Ameneiro (Fundación Galiza Sempre) e Saleta Chao (BNG) coincidiron en destacar o carácter reivindicativo, festeiro e de encontro deste evento que, ademais, pretende complementar a celebración do Día da Patria.
Segundo explicou Tania Ameneiro, o Festigal é espazo de encontro para a tradición e a vangarda, por iso estará Sés, que definiu como a rachadora rockeira e bluseira de referencia; Nao, que presentará o seu último traballo Cartas no caderno; a Troupe dos Festicultores e mais A Quenlla o xoves 24 de xullo. O café concerto do 25 de xullo comezará coa frescura da música tradicional das mozas de Habelas Hainas; Os da Ría; García MC con "Abaixo e de pé", que é o título do seu último traballo; e Grampoder co seu disco GolfWhiskey.
Saleta Chao manifestou o compromiso da comisión organizadora do Festigal cun espazo que conxugue música, cultura, lecer, letras e ideas. Subliñou tamén que os debates nesta edición versarán sobre a actualidade política e os procesos soberanistas de Catalunya e de Escocia e tamén sobre medios de comunicación. Avanzou entre as novidades un espazo dedicado aos Produtos da Terra.
Concederase un espazo aos centros sociais que desenvolven un traballo incansábel e exemplar, ademais de contar con actividades deportivas que irán dende unha exhibición de esgrima antiga e xogo de pau, un aberto de billarda ou un partido de fútbol gaélico, que segue a sumar equipas e seareiras no noso país, sinalou.
Alberte Mera fixo mención tamén do espazo de xantar, obradoiros infantís, danzas e xogos tradicionais, tendas de artesanía, asociacións e librarías. Isto converte o Festigal nunha das feiras culturais de referencia en Galiza e, sobre todo, nun lugar de encontro para milleiros de persoas que cada ano se congregan en Santiago de Compostela para celebraren o Día da Patria, explicou.
O Festigal contribuíu ao lanzamento de novos talentos musicais así como á proxección de bandas consolidadas. Por este escenario pasaron Kepa Junkera, Mercedes Peón, Ulträqäns, Susana Seivane, Deus ke te Crew ou Lamatumbá e artistas internacionais como Pablo Milanés ou La Phaze, lembrou o secretario xeral de Galiza Nova.