O informe de Galeras corrobora a falta de xustificación do interese xeral sobre un uso particular
O documento recolle que con esta actuación para mellorar o acceso do parking se produce un uso privado deste espazo público
Santiago de Compostela, 20 de agosto de 2014.- O portavoz do grupo municipal do BNG afirma que o informe técnico municipal da obra da rotonda da Galeras, que advirte do uso privativo sobre a ocupación de espazo público, vén corroborar o que sinalou o BNG dende un primeiro momento; que o procedemento tivo defectos de fondo e de forma, tanto na falta de xustificación do interese xeral da actuación como na falta de exposición pública para que a veciñanza afectada puidese presentar alegacións.
O informe técnico recolle textualmente que no proxecto presentado formúlase o novo acceso ao actual garaxe situando una rampla de acceso sobre un espazo libre público, polo tanto, sobre un espazo de uso e dominio público, producíndose un uso privado deste espazo público. Como se sinala no artigo 212 do PXOM, desde os espazos libres pódese realizar o acceso aos edificios pero non é autorizable modificar, apropiarse e proceder á construción da rampla de acceso ao aparcamento privado, xa que este elemento, a rampla, forma parte do propio programa de aparcamento e que deberá emprazarse dentro da parcela privada formando parte do programa do garaxe, sen exceder as aliñacións recollidas no estudo de detalle.
Rubén Cela lembra tamén que o BNG, atendendo as reivindicacións maioritarias da veciñanza e co fin de restituír a zona verde do parque de Galeras, reclamara no mes de xuño a retirada do valado cando se conseguiu paralizar de xeito temporal esta obra.
Todo este periplo e os prexuízos para a veciñanza derivados do mesmo poderían terse evitado se o PP escoitara dende un comezo a veciñanza e a oposición que, dende un primeiro momento denunciamos as diferentes irregularidades detectadas nesta actuación, a comezar pola falta de exposición pública existindo un cambio no PXOM, explicou o portavoz municipal nacionalista.