Rafael Vilar pregúntalle ao alcalde se ten previsto mediar para evitar o desafiuzamento de Aríns
O BNG solidarízase coa familia de Aríns que pretenden desaloxar e pregúntalle ao Goberno local se ten previsto ofrecer asesoramento e mediar para evitar o desafiuzamento provocado por unha estafa
O BNG xa trasladou diversas iniciativas ao Pleno co fin de instar ao Goberno do Estado a modificar a Lei Hipotecaria para deter as ordes de desafiuzamento, acceder á dación en pago e facilitar o alugueiro social
Santiago de Compostela, 29 de xullo de 2014.- O grupo municipal do BNG solidarizouse coa familia sobre a que pesa unha orde de desafiuzamento en Aríns, que o pasado luns conseguiu frear até setembro a comitiva xudicial. Ademais, formuloulle unha pregunta ao Goberno local para coñecer se ten previsto mediar e ofrecer asesoramento para evitar o desaloxo desta familia vítima dunha estafa cando se viu baixo a presión do banco por non poder facerlle fronte á hipoteca ao quedaren no paro.
Carlos e María pediron amparo por parte da Xustiza para que tome en consideración a denuncia que presentaron por estafa. Herdaron un terreo en Aríns onde decidiron construír o seu fogar e pediron unha hipoteca en 2006 valorada en 35.000 euros. A situación complicouse cando a familia quedou no paro e deixou de pagar a hipoteca. Segundo datos facilitados por Stop Desafiuzamentos, as comisións de demora provocaron que a débeda ascendese até os 68.000 euros, momento en que a familia empezou a sufrir presións do banco, que os advertiu dunha execución hipotecaria.
Por este motivo, Carlos e María recorreron ao presunto estafador Rachid Messaudi, que reside en Benalmádena (Málaga), e que inicialmente lles fixo unha oferta de compra a catro meses. A pesar de que a débeda da familia era de 68.000 euros, segundo a documentación asinada perante notario, o home agora denunciado di que adquiriu a vivenda por 105.000 euros. Catro meses despois desta complexa compra, o particular francés reclamoulles 150.000 euros para poder recuperar a casa.
O BNG xa trasladou diversas iniciativas ao Pleno da Corporación de Santiago co fin de instar ao Goberno do Estado a modificar a Lei Hipotecaria para deter as ordes de desafiuzamento, acceder á dación en pago e facilitar o alugueiro social.