Rubén Cela pregúntalle ao alcalde polo atraso na apertura do Cegadi para persoas con discapacidade
A falta de dilixencia na xestión dos gobernos do PP na Xunta e no Concello de Santiago retarda a prestación de novos servizos destinados á integración social e autonomía das persoas con algunha discapacidade
Santiago de Compostela, 2 de abril de 2014.- O portavoz municipal Rubén Cela rexistrou unha pregunta dirixida ao alcalde de Santiago para coñecer os motivos do atraso na apertura do Centro Galego de Desenvolvemento Integral (Cegadi), posto que as obras están rematadas e a instalación permanece pechada co prexuízo que causa para as máis de 150 persoas que ten previsto atender a diario.
O proxecto remóntase a 2007, cando se conseguiron os terreos e se formalizou a construción da instalación en Salgueiriños grazas ao impulso da área nacionalista na etapa do Goberno da Xunta de Galiza, coa intención de promover a atención integral para persoas con discapacidade nun centro á vangarda de Europa.
Na actualidade, o Cegadi está construído e conta co equipamento necesario, mais aínda non abriu as súas portas. Por este motivo, o grupo nacionalista en Raxoi quere coñecer as causas de que este centro permaneza pechado, cal é a previsión da súa apertura e as xestións realizadas polo Goberno de Ángel Currás coa Xunta de Galiza, se é que as realizou.
Co atraso na entrada en funcionamento destas instalacións, o colectivo de persoas con discapacidade vese afectado polas limitacións de prestación dos servizos que ofrecer este centro, como a atención das necesidades de saúde, orientación laboral, formación, apoio familiar, integración social e sensibilización da poboación.
Para o BNG, a falta de dilixencia na xestión dos gobernos do PP, tanto na Xunta como no Concello de Santiago, retarda a prestación destes novos servizos destinados á integración social e autonomía das persoas con algunha discapacidade.