VETO POLÍTICO

O BNG considera arbitrario que o Goberno de Martiño Noriega lle negue un local municipal para actividades políticas

resposta.veto.bng
resposta.veto.bng

Podemos anuncia unha charla no mesmo lugar que foi vetado polo equipo de Compostela Aberta para un acto do BNG
 

O BNG considera arbitrario que o Goberno de Martiño Noriega lle negue un local municipal para actividades políticas

Santiago de Compostela, 5 de setembro de 2016.- O grupo municipal do BNG advirte da actitude de discriminación do Goberno de Martiño Noriega no relativo á cesión de espazos públicos para a organización de actos políticos, segundo a formación que o solicite. Reproba esta arbitrariedade de negar un local municipal aducindo que ese espazo non está destinado para uso político cando, uns días despois, Podemos anuncia un evento nese mesmo auditorio.

O BNG solicitou -telefonicamente e por escrito- o auditorio da Casa do Matadoiro para a organizar un acto público e hai 10 días recibiu como resposta negativa que “este espazo respectando os seus principios, fica fóra do uso para actividades electorais dos partidos políticos, función que xa cumpren o resto de centros culturais da cidade para os que tendes dereito de cesión”.

Porén, outra formación política como Podemos, que fai parte da coalición En Marea que ten entre os seus dirixentes a Martiño Noriega, anuncia para esta semana unha charla neste mesmo lugar, de xeito que non atende as normas impostas para outras formacións políticas. Neste sentido, o BNG cualifica a medida de arbitraria para non pensar nun veto ideolóxico pois, de ser así, esta resposta do Concello de Santiago pode atentar contra o dereito fundamental de reunión.

Para o BNG, os espazos municipais deben ser abertos á participación de toda a veciñanza e, polo tanto, ás formacións políticas, co obxectivo de favorecer a conformación dunha sociedade democrática e que respete a diversidade ideolóxica. Deste xeito, demanda explicacións do Goberno municipal dos criterios que se seguen para conceder ou non este espazo para actos políticos.