ORZAMENTOS

O BNG presenta as chaves da negociación dos Orzamentos 2017 nun acto público aberto á veciñanza

Goretti Sanmartín Rei e Rubén Cela
Goretti Sanmartín Rei e Rubén Cela

Será o martes 14 de febreiro ás 20:00 h. no centro sociocultural das Fontiñas

O BNG presenta as chaves da negociación dos Orzamentos 2017 nun acto público aberto á veciñanza

Santiago de Compostela, 13 de febreiro de 2017.- Rubén Cela e Goretti Sanmartín anunciaron as chaves do BNG na negociación dos orzamentos municipais para 2017, logo de concluír o proceso de diálogo con Compostela Aberta antes da súa aprobación en Pleno para emitir un voto favorábel. O acto público aberto á veciñanza, que será o martes 14 de febreiro ás 20:00 horas no centro sociocultural das Fontiñas, servirá para dar a coñecer os pormenores dos 31 proxectos aprobados.

“Non son os orzamentos do BNG, mais o BNG vai apoialos por unha cuestión de responsabilidade con Santiago de Compostela e polas incorporacións de proxectos que se incluíron”, explicou Rubén Cela. “Non será un cheque en branco, pois se fomos esixentes na negociación serémolo aínda máis na fiscalización da súa execución”, engadiu, “xa que responden a demandas de colectivos veciñais, culturais, deportivos, comerciais e empresariais e ANPAs”.

No ámbito de mobilidade está recollido un proxecto de aparcadoiro público e de xestión pública no campus sur acompañado dun anteproxecto dun segundo aparcadoiro, con 600 prazas dispoñíbeis para o tecido comercial e a veciñanza do Ensanche; o aparcadoiro do Conservatorio e melloras na rúa Altiboia; o aparcadoiro de Conxo co compromiso de que esa parcela siga a disposición da Consellaría para facer o centro de saúde; e a ampliación do aparcadoiro do CHUS coa cesión dunha parcela municipal para que execute a Xunta. Ademais, conseguiuse o compromiso de revisar o 100% dos pasos de peóns de Santiago de Compostela, aparcadoiros para bicicletas nunha primeira fase na Cidade Histórica, medidas para incrementar a seguridade viaria para motoristas e melloras nas marquesiñas do bus público e dos indicadores de frecuencias de paso.

No relativo a Urbanismo, conseguiuse o arranxo do campus sur, cunha partida inicial de 50.000 euros e de 550.000 euros para o período 2017-2019 na EDUSI; actuación en Triacastela con 600.000 euros; creación de catro parques infantís cubertos, que era unha demanda histórica do BNG e saíu no proceso de orzamentos participativos; a rehabilitación da Casa das Máquinas de Galeras con 358.000 euros; actuacións nas pistas do rural e o acondicionamento do lugar do Banquete de Conxo mediante o Obradoiro de Emprego.

No ámbito de melloras do funcionamento do Concello, o BNG requiriu un servizo de inspección propio para os servizos externalizados que non se conseguiu, mais si un servizo de segunda actividade para as inspeccións e unha modificación do cadro de persoal de bombeiros para facelo máis efectivo e acorde ás necesidades de seguranza.

Pola súa parte, Goretti Sanmartín Rei incidiu nas prioridades para a cidade e nas reclamacións históricas demandadas polo BNG en mobilidade e infraestruturas como en políticas educativas, de conciliación, ambientais, deportivas e de emprego.

Así, referiuse á recuperación do parque das Hortas, á dotación para o Plan Especial das Brañas do Sar, unha senda peonil ao Pedroso e unha planta de compostaxe, co compromiso de incluír 80.000 euros para estudos técnicos para o novos pregos de contratación do servizo de recollida e tratamento de residuos.

No apartado de educación, inclúese un plan a catro anos para melloras dos colexios públicos e 100.000 euros para os arranxos máis urxentes, a busca dun novo emprazamento para a Escola Municipal de Música, ademais da dotación de catro novos parques infantís nos colexios, unha partida de 196.000 euros para arranxos no Lamas de Abade e unha partida específica para seguranza viaria na contorna das escolas. Ademais, incluiranse un plan de actividades de conciliación e un plan de actividades extraescolares.

No apartado deportivo, realizaranse as pistas de squash na contorna de San Lázaro, amañaranse as pistas de skateboard da praza da Constitución e buscarase outro espazo alternativo a maiores para facer unhas novas instalacións e conseguiuse o compromiso de mudar a cuberta da piscina de Sar co cargo ao Consorcio.

En canto ás políticas de emprego, o BNG centrouse en medidas para o ámbito xuvenil, para que as persoas máis novas poidan conseguir un posto de traballo e que sexa prioridade nos orzamentos.

“Deste xeito, co apoio do BNG, conseguiuse que Santiago teña orzamentos, que se teñan canto antes para incrementar o índice de execución e mellorar substancialmente as contas iniciais do grupo de Goberno. Con estas incorporacións, este orzamento é infinitamente mellor que o presentado inicialmente”, indicou Rubén Cela.