Para abrir a participación nos Orzamentos non é necesario externalizar máis servizos
Rubén Cela: "Cómpre darlle voz ás asociacións veciñais e colectivos sociais
Na consulta intentan facer de xeito artificioso un mapa de distritos á madrileña
Santiago de Compostela, 29 de abril de 2016.- O portavoz do grupo municipal do BNG de Santiago, Rubén Cela, cuestionou o concepto de orzamentos participativos de Compostela Aberta, ao afirmar que este modelo así configurado vai ser moita propaganda e pouca participación, coa desnaturalización dos barrios e parroquias, ao infravalorar o papel do asociacionismo veciñal e só beneficiar as empresas ás que se lle contrate a súa xestión.
A pesar de que era un dos grandes compromisos coa veciñanza de Santiago, os orzamentos aprobados no Pleno de onte non teñen nada de participativos, afirmou, son orzamentos de despacho, pois nin tan sequera consultaron as asociacións veciñais ou o Consello de Participación cidadá. Así, lembrou que dúas alegacións da CIG e da Fundación de Amigos de Galiza, que pedía unha axuda para o banco de alimentos, nin sequera foron admitidas a trámite para poder debatelas.
O único que fixo Compostela Aberta foi un paripé na área de Xuventude; para decidir onde investir 100.000 euros gastaron 20.000 nunha consultora para organizar o proceso, advertiu. Non é certo que non houbo tempo nestes 8 meses para garantir canles de participación, o que non houbo foi interese nin vontade política para facelo, engadiu, e deste xeito o orzamento de 2016 foi unha oportunidade perdida e o de 2017 vai polo mesmo camiño.
Agora falan de 1 millón de euros do capítulo VI de Investimentos (6.677.000 euros), co que só se poderá opinar sobre cemento, pero non sobre política social, comedores escolares, emprego, política cultural ou ambiental, por exemplo.
Por outro lado, Compostela Aberta anunciara a remunicipalización de servizos, mais a súa práctica é a de externalizar máis servizos que nós entendemos que se deberan levar dende o propio Concello de Santiago, como no caso da elaboración da axenda de protocolo e agora de novo coa contratación a empresas privadas a xestión deste proceso para o que destinarán arredor de 60.000 euros entre o portal de orzamentos e o plan de transparencia.
Para abrir á participación non é necesario externalizar servizos nin consumir importantes recursos, o que cómpre é darlle voz ás asociacións veciñais, colectivos sociais e facilitar propostas, achegas e alegacións.
Ademais, Rubén Cela cualificou de rocambolesca a división en 5-8 zonas na consulta para intentar facer de xeito artificioso un mapa de distritos á madrileña importados a unha cidade como Santiago. Isto é un erro que non vai achegar nada e ademais desnaturaliza os barrios e parroquias composteláns que teñen entidade de seu.