O BNG pide a comparecencia do alcalde sobre contratación de empresas que prestan servizos públicos
Traslada nunha moción as reivindicacións do comité de empresa de Urbaser sobre a recollida de lixo da Cidade Histórica
Santiago de Compostela, 28 de abril de 2016.- O grupo municipal do BNG de Santiago defendeu no Pleno unha solicitude de comparecencia do alcalde para explicar as previsións do Goberno de Compostela Aberta sobre a continuidade de empresas privadas que prestan servizos públicos municipais toda vez que rematan os períodos contratados. Entre outras iniciativas, presentou unha moción a requirimento do comité de empresa de Urbaser, que interveu ao inicio da sesión plenaria, para trasladar as súas demandas de seguridade laboral nos traballos de limpeza na Cidade Histórica.
O grupo nacionalista requiriu no Pleno que na zona histórica, especialmente na rúa do Franco e da Raíña mais tamén na rúa Nova e en Cardenal Payá, que se resolva o incumprimento por parte dos estabelecementos de hostalería da normativa de recollida do lixo. Outra das mocións foi dirixida a mellorar a accesibilidade e á incorporación de novos colectores nos lugares que presentan un deficiente estado de conservación ou un modelo inadecuado á tipoloxía dos residuos, co obxectivo de incrementar a limpeza para evitar potenciais problemas de salubridade por falta de hixiene urbana. O BNG requiriu tamén que se poñan en funcionamento os contedores soterrados que permanecen pechados.
Ademais, defendeu unha moción destinada a que o Concello contrate a subministración eléctrica municipal con garantía 100% renovábel a cooperativas galegas que deixen os beneficios no noso país. Outra das iniciativas foi para dispor dun servizo de transporte público que dea solución ás necesidades e demandas da veciñanza de Sar, Aríns e Angrois. Demandou tamén proceder á limpeza, reparación e reposición das marquesiñas que sexan necesarias.
Outra das iniciativas do BNG foi destinada a axilizar os procedementos para a realización dos traballos de prevención de incendios que lle corresponden ao Concello, co fin de contribuír a reducir o risco de lume no verán e para darlle cumprimento á normativa vixente en materia de prevención e loita contra incendios forestais.
Requiriu tamén adoptar melloras de seguridade viaria, como instalación de novos pasos peonís na avenida de Lugo e fronte ao pavillón de Sar, a iluminación e instalación de pasos de peóns elevados naqueles puntos nos que se considere acaído da contorna do CEIP Ramón Cabanillas, así como a necesidade de aplicar pintura de alta reflectancia.
Tamén trasladou unha moción cunha iniciativa cidadá para que se convoque unha Xunta de portavoces para tratar a mudanza do nome do Auditorio Nacional de Galiza, que valeu para que interviñese un dos seus portavoces ao inicio da sesión plenaria.