A actitude do PP é antidemocrática ao non permitir a conexión eléctrica nas mobilizacións sociais
O alcalde non autorizou a megafonía no acto de SOS Sanidade Pública e a Xustiza obrigou o Concello a conceder a conexión eléctrica e a pagar as costas xudiciais por ser un dereito fundamental
Santiago de Compostela, 21 de marzo de 2015.- O portavoz do grupo municipal do BNG, Rubén Cela, sinalou que o último auto xudicial que obrigou o Concello de Santiago a fornecer a conexión eléctrica para instalar a megafonía dun acto público da plataforma SOS Sanidade Pública demostra, unha vez máis, o talante antidemocrático do Goberno de Agustín Hernández, que se viu na obriga de pagar as costas xudiciais da denuncia.
O Concello de Santiago de Compostela segue a vulnerar dereitos fundamentais como é o de reunión e de manifestación, a pesar de que se lle lembra de xeito reiterado dende instancias xudiciais. Así, acumula ducias de autos xudiciais e de sentenzas que obrigan a facilitar ese servizo público nas mobilizacións sociais.
En concreto, estes dereitos vulneráronse dende que o PP accedeu á Alcaldía nas convocatorias de SOS Sanidade Pública, de Queremos Galego, da CIG, da Plataforma Galega en Defensa do Ensino e da Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto, entre outras.
A propia Ordenanza reguladora de actividades, instalacións e ocupacións da vía pública do Concello de Santiago determina que se pode utilizar megafonía neste tipo de actos recollidos nos supostos do exercicio do dereito de reunión regulado na Lei orgánica 9/1983 do 15 de xullo. Así, a formación nacionalista cuestionou a reforma impulsada polo PP que implicaba máis discrecionalidade e arbitrariedade na concesión de permisos e unha lectura restritiva podería permitir abusos e limitacións a dereitos fundamentais e liberdades públicas, tal como segue a acontecer.
Para o BNG, trátase dun intento inútil de obstruír a organización de mobilizacións sociais, posto que a poboación ten un alto grao de conciencia contra os recortes de dereitos sociais e laborais que promove o Goberno do PP e o que vai provocar con este tipo de accións é un maior rexeitamento a estas políticas regresivas.