ACTO PÚBLICO
Acto aberto do BNG sobre a situación política e a defensa dos dereitos humanos en México
Será o xoves 5 de xullo ás 20:30 no Vide-Vide
Santiago de Compostela, 4 de xullo de 2018.- O BNG de Santiago organiza un coloquio sobre a análise da situación política en México, cunha palestra a cargo do avogado Juan Sosa Maldonado, que está refuxiado en Galiza por defender os dereitos humanos e a corrupción política no seu país. O acto será o xoves 5 de xullo ás 20:30 h. no Vide-Vide (Fonte de Santo Antonio, 10).
Maldonado é un activista mexicano, defensor das comunidades indíxenas de Oaxaca, e sufriu torturas físicas e psicolóxicas ademais de pasar tres anos en prisión. Tivo que abandonar México ao sufrir un intento de execución extraxudicial e atópase en Galiza acollido no Programa de Protección para Defensores e Defensoras dos Dereitos Humanos de Amnistía Internacional.
No acto farase referencia tamén á situación do defensor de dereitos humanos Damián Gallardo Martínez, que leva 5 anos na cadea por denunciar a falta de liberdade de expresión, ademais de padecer torturas e represalias. Gallardo é mestre, cunha traxectoria de traballo en defensa dos pobos indíxenas e do dereito á educación na rexión Mixe e Zapoteca da Serra de Oaxaca. Participou en campañas pola reforma educativa en México e é membro da Asemblea Popular dos Pobos de Oaxaca (APPO), que xurdiu en resposta á violenta represión da folga de mestres en 2006 nese lugar.
Organizacións internacionais como Front Line Defenders, o Observatorio para a Protección dos Defensores de Dereitos Humanos, a Coordinación Alemá para os Dereitos Humanos en México, Amnistía Internacional e un colectivo de 50 ONGs internacionais pronunciáronse en reiteradas ocasións sobre o carácter arbitrario da súa detención e as graves violacións cometidas contra os defensores de dereitos humanos en Oaxaca.