ELECCIÓNS
Ana Pontón: “O BNG ofrece un proxecto ilusionante, transformador e cun modelo de cidade que mira cara ao futuro de Compostela”
Representantes do asociacionismo veciñal, cultural, estudantil, ecoloxista e das preferentes integran o primeiro tramo da listaxe que encabeza Goretti Sanmartín
Santiago de Compostela, 7 de febreiro de 2019.- O BNG presentou o primeiro tramo da candidatura que encabeza Goretti Sanmartín, aprobado por unanimidade en asemblea aberta, coa presenza da portavoz nacional, Ana Pontón, quen afirmou que “nos últimos 8 anos Santiago de Compostela non tivo un proxecto claro e foi á deriva; por iso o BNG se presenta coa vocación de ofrecer un proxecto ilusionante, transformador e cun modelo de cidade que mire cara ao futuro”.
A listaxe está encabezada por 15 persoas: Goretti Sanmartín Rei, Navia Rivas de Castro (Galiza Nova), Lois Calvelo, Pilar Lueiro, Xosé Quintáns, Esther Martínez (independente), Henrique González Martínez (independente), Margarita Ledo (independente), Salvador Martí, Lucía Carreira, Fins Eirexas, Isabelle Kerdudo, Xesús Domínguez, Helena Maio e Alexandre Garrido (Galiza Nova).
“Temos que deixar atrás a desilusión dos últimos anos e transformala en ganas de traballar e construír ese Santiago de Compostela que merecemos, queremos e soñamos”, engadiu a portavoz nacional.
“Desde o BNG temos un proxecto sólido, unha organización cohesionada e un proxecto para Santiago de Compostela que quere deixar atrás eses 8 anos de deriva, porque é a capital de Galiza e necesita un liderado forte que deixe atrás a falta de proxecto de cidade e ese é un obxectivo que nos marcamos nestas eleccións municipais; cunha idea transformadora para mellorar a calidade de vida dos veciños e das veciñas”, indicou a portavoz nacional. Así, referiuse ao modelo de cidade para as persoas fronte ao dos coches, co apoio ao pequeno comercio, con máis benestar, para facer da cultura un eixo vertebrador, que xere igualdade, cun turismo sostíbel e para mellorar a vida nos barrios que durante estes anos foron os grandes esquecidos de Compostela.
“Cando o BNG tivo maior presenza no Concello, mellor lle foi a Santiago”
Segundo explicou Goretti Sanmartín, “esta é unha candidatura sólida onde conxugamos renovación, mocidade e experiencia e, sobre todo, conta con xente que provén do movemento asociativo, veciñal, cultural, ecoloxista e das preferentes, alén de ser representativa dos distintos barrios e parroquias que conforman Santiago de Compostela”. “É un grupo de persoas con capacidade de xestión, con ganas e ilusión, para xustamente afrontar unha transformación importante deste concello para garantir que haxa mellor calidade de vida e se poñan enriba da mesa os grandes retos que Santiago ten por diante para os próximos anos”, engadiu.
“Cando o BNG tivo maior presenza no Concello, mellor lle foi a Santiago”, explicou. O BNG ten un proxecto de país desde os concellos “con propostas audaces, transformadoras, proactivas e ese é o camiño que levamos nas institucións onde estamos; porque non vai haber un escenario de maiorías absolutas e o BNG é unha forza determinante porque leva no seu ADN o seu carácter dialogante, de chegar a acordos e de poñer sempre por riba de todo os intereses da veciñanza e, neste caso, de santiagueses e santiguesas”.
“Entendemos que Santiago merece máis do que tivo estes últimos 8 anos, que foron un tempo retroceso e de parálise; Santiago merece abrir un tempo novo coas ideas claras para traballar”, afirmou Goretti Sanmartín.