PLENO
Aprobada no Pleno por unanimidade a iniciativa do BNG para mellorar a sinalización viaria rural e urbana
Todos os grupos votaron a favor de demandar a estación de mercadorías da Sionlla
Santiago de Compostela, 16 de marzo de 2017.- O grupo municipal do BNG defendeu no Pleno de marzo un plan de sinalización viaria rural e urbana de cara a mellorar as indicacións nas vías de acceso, así como nos lugares onde sexa preciso, co obxectivo de contribuír a facilitar a mobilidade no Concello de Compostela, a recuperación da toponimia e a localización de espazos públicos destacados. En total, o BNG presentou dúas proposicións, tres rogos e tres mocións, ademais de seis preguntas de control ao Goberno local.
Así, unha das proposicións foi destinada a dotar Santiago de Compostela da estación de mercadorías ferroviaria na Sionlla prevista no PXOM como unha das actuacións prioritarias en materia de infraestruturas, en substitución da de Cornes. Aprobouse tamén por unanimidade.
Trasladou tamén as demandas do barrio do Meixonfrío, para que se proceda ao rozado de vexetación en tres fincas municipais, á instalación dun parque xeronto-infantil e á construción dunha pista polideportiva.
Do mesmo xeito, outra moción foi para esixirlle ao Goberno local que dote dos servizos básicos de iluminación pública, limpeza e rozado de vexetación a zona da urbanización de San Marcos que dispón de licenza de primeira ocupación.
Noutra das iniciativas, defendeu que o Concello de Santiago realice as xestións necesarias para a instalación dunha placa en lembranza de presos políticos que, durante o franquismo, participaron na construción do aeroporto de Lavacolla, agora denominado Rosalía de Castro, para contribuír coa memoria histórica. Foi aprobada por unanimidade.
O BNG reclamou tamén, mediante unha moción, instar á Xunta de Galiza a realizar as actuacións necesarias diante do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza e da Administración do Estado para dotar Santiago de Compostela de novas salas xudiciais do Social, Contencioso-Administrativo e de Violencia de Xénero. Foi aprobada por unanimidade.
Ademais, propuxo no Pleno demandar da Xunta a actualización do financiamento para desenvolver a Lei do Estatuto de Capitalidade. O profesor Luís Caramés Viéitez cifra nun estudo realizado sobre o cálculo destes custes, que a Xunta debera ingresar 5,5 millóns de euros cada ano ás arcas deste Concello, como capital de Galiza, máis do dobre da asignación que se percibe. Foi aprobada por unanimidade.
Mediante un rogo reclamou que a Corporación se sume á viaxe solidaria aos campamentos de persoas refuxiadas de Tinduf (Alxeria) prevista do 17 ao 21 de abril de 2017, onde será recibida polas autoridades do Goberno Saharauí.