PLENO
O BNG reclama actualizar o cálculo do financiamento da Lei do Estatuto de Capitalidade
Un estudo económico estima que a Xunta debera ingresar 5,5 millóns de euros cada ano ás arcas do Concello de Santiago, como capital de Galiza, máis do dobre da asignación que se percibe
Santiago de Compostela, 15 de marzo de 2017.- O grupo municipal do BNG proporá no Pleno demandar da Xunta a actualización do financiamento para desenvolver a Lei do Estatuto de Capitalidade. O profesor Luís Caramés Viéitez cifra nun estudo realizado sobre o cálculo destes custes, que a Xunta debera ingresar 5,5 millóns de euros cada ano ás arcas deste Concello, como capital de Galiza, máis do dobre da asignación que se percibe.
Santiago de Compostela ten recoñecida a súa condición de capital de Galiza tanto no Estatuto de Autonomía como na Lei de Capitalidade aprobada no ano 2002, onde se estipula que ha de percibir unha compensación económica por este motivo. Ao abeiro desta normativa, enténdese que esta cidade ofrece bens e servizos públicos para as persoas residentes e ademais, como consecuencia da capitalidade, atrae cidadás e cidadáns censadas noutros lugares e que, polo tanto, non contribúen ao seu financiamento. Nesa valoración, inclúese tamén o que o Concello deixa de ingresar en concepto de impostos locais por ter que reservar terreos para uso da Administración e non destinalo a outros usos alternativos.
A Xunta de Galiza, tal como estabelece a Lei de Capitalidade, para compensar os maiores esforzos que para as arcas municipais supoñen os gastos extraordinarios por ser a capital de Galiza, debe colaborar e cooperar na execución e financiamento das políticas en materia de Patrimonio Histórico-Artístico cunha programación anual das actuacións tendentes á súa conservación e rehabilitación; con políticas de recuperación urbana integral da zona histórica, dos contornos monumentais e espazos naturais de interese histórico e artístico do concello; para a atención e promoción turística; coordinación e apoio en materia de salubridade e espazos públicos; protección civil e seguridade cidadá vinculados ao turismo; transporte e seguridade.
Recoñece tamén esta lei que Santiago de Compostela, como capital de Galiza, debe normalizar e potenciar o uso do galego no ámbito das súas competencias en todos os planos da vida pública, cultural e informativa.
Foi no ano 2004 cando Santiago recibe por vez primeira este financiamento, que inicialmente se estabeleceu en 1,5 millóns de euros, coa promesa de que esta cantidade ía ir aumentando en cada exercicio até alcanzar os 3 millóns de euros que se calcula que é o custo de oportunidade da capitalidade de Santiago.
Deste xeito, cómpre actualizar, coa actualización dos informes económicos necesarios, a cantidade percibida a través dos orzamentos da Xunta de Galiza, para facer valer a compensación dos custos que o desenvolvemento da actividade institucional e representativa lle supoñen ao Concello de Santiago e ás persoas censadas.