Aprobada por unanimidade a iniciativa do BNG de elaboración dunha ordenanza para o impulso da lingua
Rubén Cela pediu a comparecencia do alcalde para que explicase as previsións de remunicipalización de servizos públicos privatizados, pois coas prórrogas ás empresas concesionarias está a incumprir unha das chaves do seu programa
Santiago de Compostela, 19 de maio de 2016.- O grupo municipal do BNG defendeu no Pleno, a través da concelleira Goretti Sanmartín, unha proposición para promover e dignificar a lingua galega mediante a activación do Consello municipal de normalización lingüística e a elaboración dunha ordenanza para o seu impulso social que substitúa o actual regulamento e se adapte ás novas realidades.
Rubén Cela demandou a comparecencia do alcalde para coñecer as previsións do Goberno de Compostela Aberta sobre a contratación de empresas privadas que prestan servizos municipais, posto que está a incumprir unha das chaves do seu programa electoral.
Outra das iniciativas do BNG foi destinada a requirir a instalación de novos paneis de comunicación social en emprazamentos visíbeis e transitados, tanto nos barrios como no centro da cidade. Require tamén a revisión daqueles que se encontran deteriorados e a garantía de que as empresas construtoras cumpran co previsto na ordenanza e poñan a disposición espazos destinados a este fin no peche das obras.
Mediante un rogo, reclamou que se inicien conversas coa Xunta para retomar e executar o proxecto construtivo das obras de reurbanización nas contornas de acceso a Compostela, na travesía entre a Ponte do Romaño e a avenida de Castelao.
Tamén rexistrou unha iniciativa destinada a que se inclúa na programación das Festas do Apóstolo a repetición do espectáculo de luz e de son do día 24 de xullo durante unha semana. A repetición do espectáculo audiovisual durante os días de festa, toda vez que o gasto maior é na súa creación, contribuiría a obter un maior rendemento do investimento, dado que un maior número de persoas, especialmente de Santiago de Compostela e da comarca, poderían gozar del ao tempo que o sector da hostalaría se vería favorecido pola concorrencia de público á zona vella.
Nunha pregunta para resposta oral, o BNG inquiriu sobre o futuro da Oficina de Rehabilitación da Cidade Histórica, en risco de desmantelamento, e do labor que ofrece o persoal que remata o contrato o 30 de maio. Para o BNG, este traballo especializado non é asumíbel por outros departamentos municipais e mesmo se poderían comprometer as axudas das Áreas de Rehabilitación Integral.