O BNG solicitará a comparecencia da edila de Cultura por ter os centros socioculturais sen contrato
Desenvolven a súa actividade sen soporte económico legal, pois a empresa non ten posibilidade de prórroga
A falta de información que foi requirida polo BNG revela a opacidade que caracteriza o xeito de gobernar de Compostela Aberta
Santiago de Compostela, 18 de maio de 2016.- O grupo municipal do BNG presentará, no Pleno de mañá xoves, unha solicitude de comparecencia da concelleira Branca Novo ao manter durante dous meses os centros socioculturais sen contrato.
Deste xeito, o BNG quere coñecer cal é a previsión do Goberno municipal para resolver esta situación irregular na contratación do servizo dos centros socioculturais, que seguen a desenvolver a súa actividade sen soporte económico legal, pois a empresa non ten posibilidade de prórroga.
O contrato do servizo dos centros socioculturais que contaba cunha licitación de 1,6 millóns de euros anuais rematou o 14 de marzo. O BNG en dúas ocasións (7 de outubro e reiterado o 13 de novembro de 2015 ante a falta de contestación) demandou copia da oferta presentada pola empresa adxudicataria.
Porén, o executivo local segue sen facilitar esa documentación crucial para facer o labor de oposición e poder comprobar o grao de execución dese contrato, así como as actividades incluídas na oferta, o que revela unha mostra máis da opacidade que caracteriza o xeito de gobernar de Compostela Aberta.
Para o BNG, é incomprensíbel que Compostela Aberta, dende a toma de posesión en xuño de 2015 e tendo en conta que sabía da data de expiración do contrato dos centros socioculturais, non realizase ningún avance na remunicipalización do servizo, nin no cambio de modelo de xestión nin tampouco para licitar un novo contrato.