Aprobada por unanimidade a iniciativa do BNG para instalar sistemas de protección para motoristas
A Casa das Máquinas de Galeras acondicionarase para uso veciñal e sociocultural, de acordo coa proposta do BNG no Pleno
Santiago de Compostela, 9 de novembro de 2015.- O grupo municipal do BNG defendeu no Pleno unha iniciativa para incorporar nos gardarraís o sistema de protección para motoristas (SPM) e outras medidas para contribuír a mellorar a seguridade viaria, como o uso de pintura antideslizante nos pavimentos, a creación de prazas de aparcadoiro para motos e a posta en marcha da posición avanzada nos semáforos, con prioridade das bicicletas e motos onde sexa posíbel, de acordo coas reivindicacións dos colectivos usuarios de motocicletas. Aprobouse tamén por unanimidade unha proposición para incluír criterios de accesibilidade nas obras de nova construción, para evitar o acontecido en Carreira do Conde.
Aprobáronse tamén os rogos do BNG para mellorar a seguridade viaria e a limpeza na contorna do CEIP Ramón Cabanillas, para apoiar actividades de impulso ao 2016 declarado como Ano das Irmandades da Fala e para o acondicionamento da Casa das Máquinas de Galeras, para uso veciñal e sociocultural.
Das mocións presentadas polo BNG que tamén resultaron aprobadas, está unha iniciativa a prol da ampliación da acreditación por violencia de xénero e da creación do Estatuto do Feminicidio; unha moción de apoio a Maite Mouriño, unha traballadora despedida por ir nas listas do BNG nas eleccións municipais; unha moción para mellorar a seguridade viaria en Aríns, coa creación de pasos de peóns e de beirarrúas; outra para instaurar a transparencia e a responsabilidade social e laboral como eixes da contratación municipal; e outra iniciativa máis para a erradicación do racismo e medidas para garantir a igualdade de dereitos a inmigrantes.