O BNG require que o Concello de Santiago se sume á promoción de 2016 como Ano das Irmandades da Fala
Demanda colaboración coas asociacións para difundir o seu legado e a súa contribución ao traballo pola lingua, a identidade e a cultura de Galiza
Santiago de Compostela, 7 de novembro de 2015.- O grupo municipal do BNG requirirá no vindeiro Pleno que o Concello de Santiago contribúa na promoción de 2016 como Ano das Irmandades da Fala.
A iniciativa do BNG recolle que hai case cen anos, figuras históricas como a de Antón Vilar Ponte traballaban a prol da creación dunha organización que situase no primeiro termo a importancia do idioma galego. En 1916 nacía a Irmandade dos Amigos da Fala, posteriormente coñecida para a historia como Irmandades da Fala, co obxectivo da defensa, do cultivo, da promoción da lingua do noso país e tamén para traballar pola dignificación da nosa identidade.
A aparición e difusión das Irmandades supuxo un avance para a cultura de noso, situando a nación galega como o suxeito fundamental da produción cultural da época. Promoveron a elaboración de gramáticas, dicionarios e estudos lingüísticos sobre a nosa fala, reivindicando tamén para ela aqueles espazos dos que fora desterrada, desde a administración ao ensino.
No vindeiro 2016 cúmprense 100 anos dunha peza fundamental na configuración do que hoxe somos como pobo e cultura, por iso é fundamental garantir o compromiso das institucións públicas coa súa celebración, difundindo o coñecemento do seu legado histórico e apoiando a declaración oficial de 2016 como Ano das Irmandades da Fala.
Por estas razóns, o grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego solicitará no Pleno do vindeiro luns comprometer o Concello de Santiago a colaborar coa administración pública e coas asociacións, organizacións, colectivos e entidades para difundir a historia das Irmandades da Fala e a súa contribución ao traballo pola lingua, identidade e cultura de Galiza.