O BNG traslada ao Pleno as demandas da asociación veciñal de Aríns, de pasos de peóns e beirarrúas
Enmárcase na batería de medidas de seguridade viaria que a formación nacionalista demanda en cada sesión plenaria
Santiago de Compostela, 6 de novembro de 2015.- O grupo municipal do BNG defenderá no vindeiro Pleno unha moción para esixir medidas de seguridade viaria na parroquia de Aríns, para dotar de pasos de peóns a rúa do Sandino e de beirarrúas e beiravías as rúas Senande e San Martiño. En palabras do portavoz Rubén Cela, o BNG está especialmente sensibilizado co tema da seguridade viaria e prosegue co traslado dunha batería de propostas emanadas das asociacións veciñais nos diferentes barrios e parroquias. Nesta ocasión, trátanse de demandas da asociación de veciños e veciñas de Aríns, explicou.
En concreto, reclámase o arranxo dunha das vías de conexión co centro urbano, como é a AC-261 que vai da Ponte de Sar a Lamas, en Boqueixón; unha vía moi transitada por ser a entrada á cidade dende o concello veciño. É unha estrada que precisa de ser arranxada, sobre todo ao seu paso pola rúa do Sandino; ademais de dotar esta vía de pasos de peóns, dos que carece dende o límite da Ponte Marzán coa rúa da Devesa, indicou.
Ademais, en Aríns hai dúas vías que comunican a rúa da Devesa co Monte do Gozo que son as rúas Senande e San Martiño que, pola súa localización, son utilizadas pola veciñanza para camiñar. Ambas carecen de beiravía e de beirarrúa, o que implica inseguridade para os e as viandantes, xa que estas rúas son usadas como vías alternativas para entrar a Santiago de Compostela.