O BNG presenta unha moción para incrementar o persoal de Correos
Nos últimos 5 anos suprimíronse 15 postos de repartidores e persoal de apoio en Santiago de Compostela e, por mor destes recortes, quedan milleiros de cartas sen repartir a diario
Santiago de Compostela, 5 de novembro de 2015.- O grupo municipal do BNG rexistrou unha moción para reclamar o incremento do persoal de Correos co fin de garantir un servizo público de calidade e de frear o colapso existente no reparto diario de cartas e paquetes postais. Así, demanda a cobertura de vacantes no cadro de persoal de Correos para resolver os problemas que se producen no servizo postal de Santiago de Compostela.
Nos últimos 5 anos elimináronse 15 postos de repartidores e persoal de apoio en Santiago, co que se incrementou a carga de traballo e isto provoca que diariamente queden milleiros de cartas e paquetes sen distribuír, con consecuencias que repercuten de xeito negativo nas empresas, administracións públicas e veciñanza compostelá.
O texto da iniciativa do BNG recolle que o dereito á prestación dun servizo postal universal, de calidade e de forma permanente vén determinado na Lei Postal 43/2010, que especifica que as entregas se practicarán, cando menos, todos os días laborábeis de luns a venres. Ademais, a directiva comunitaria 2008/6/CE determina que este servizo universal garante unha recollida e unha entrega en domicilio de cada persoa física ou xurídica todos os días laborábeis, mesmo nas zonas afastadas ou escasamente poboadas.
En Santiago de Compostela, a consecuencia dos recortes producidos e da redución do persoal, estanse a incumprir estas normativas, pese a ser Correos o provedor público de servizos de comunicación de cartas e de paquetería que pretende prestar un servizo postal universal, con eficiencia, calidade e sustentabilidade.