Aprobada por unanimidade unha iniciativa do BNG para mellorar a calidade das escolas infantís

Aprobada por unanimidade unha iniciativa do BNG para mellorar a calidade das escolas infantís

stopcorrupcionA plataforma contra a corrupción concentrouse ás portas do pazo de Raxoi e un colectivo de preferentistas tomou a palabra no Pleno para reclamar a devolución íntegra dos seus aforros antes da venda NovaGalicia Banco

O BNG presentou unha moción sobre a sentenza da marea negra do “Prestige”



Deuse conta da designación de “Saxo Tenor” a unha praza no barrio de Vista Alegre grazas a un rogo introducido polo BNG na anterior sesión plenaria

Outra das mocións do BNG tratou sobre a paralización da venda de NovaGalicia Banco

Santiago de Compostela, 28 de novembro de 2013.- O grupo municipal do BNG defendeu no Pleno unha iniciativa, aprobada por unanimidade coa introdución dunha emenda do grupo socialista, sobre a necesidade de prestar un servizo de calidade nas escolas infantís de Conxo e de Fontiñas co obxectivo de resolver o conflito xerado.

O acordo contempla que se o informe sobre a supervisión da execución do contrato da xestión das escolas infantís de Conxo e de Fontiñas conclúe que a empresa adxudicataria non cumpre, o Goberno municipal procederá de inmediato á apertura do correspondente expediente e á aplicación de penalizacións ou, de ser o caso, á súa rescisión, tal como se recolle no prego de condicións.

Deste xeito, como demandou a concelleira Elvira Cienfuegos, o Goberno municipal comprométese a velar polo bo funcionamento do servizo, tanto no que fai referencia á súa función educativa como a súa función asistencial, garantindo en todo momento a calidade do mesmo. Ademais, “promoverá a participación de pais e nais, para fomentar o asociacionismo e a constitución de consellos de participación en cada centro, no que estean representados pais e nais”, explicou.

O BNG tamén trasladou á sesión plenaria unha moción derivada da sentenza da marea negra do “Prestige”, sobre a necesidade de evitar esta impunidade coa presentación dun recurso de casación no Tribunal Supremo por parte do Ministerio Fiscal e da Xunta e sobre a transferencia de competencias marítimas a Galiza. Neste sentido, Rafael Vilar demandou o apoio da Corporación para aprobar unha declaración destinada a amosar o desconcerto porque “a peor catástrofe ambiental de Galiza se pecha, polo de agora, sen culpábeis e sen responsabilidades e a decepción porque, de haber outra catástrofe no futuro, piratas, incompetentes e irresponsábeis poderían quedar impunes de novo”.

Reclamou, así mesmo, solicitarlle ao Goberno do Estado que promova as medidas necesarias para denunciar os convenios internacionais asinados polo Estado español en materia de indemnizacións por este tipo de danos, especialmente o relativo á responsabilidade civil por danos causados por hidrocarburos, e que aposte aquí por unha nova lexislación asentada no principio de responsabilidade solidaria e ilimitada tanto dos causantes do dano como dos seus beneficiarios.

Outra das mocións do BNG foi destinada a instar á Xunta a que retire a suba contemplada nos orzamentos para a xestión do lixo a través de Sogama e para que calquera modificación se faga de común acordo cos concellos. En concreto, en Santiago a suba deste canon de Sogama pode representar un incremento de 700.000 euros anuais, segundo os datos do propio Concello. A formación nacionalista demandou, ademais, unha revisión do plan de residuos para que, en lugar de construír unha nova incineradora, se promovan plans comarcais de reciclaxe e de compostaxe.

Na moción relativa a demandar do FROB que paralice a decisión de vender Novagalicia Banco por ser unha entidade financeira sistémica para Galiza, o BNG propuxo instar á Xunta de Galiza a exercer as potestades que ostenta para que as persoas adquirentes de participacións preferentes das extintas caixas de aforro poidan recuperar de xeito inmediato a integridade dos seus aforros.

O BNG rexistrou tamén preguntas dirixidas ao Goberno local sobre os prazos de execución das obras da rúa de San Pedro e sobre as escolas infantís municipais.

No apartado de rogos, demandou medidas para evitar novas inundacións co mantemento en bo estado das vías de evacuación, para zonas como Os Pelamios, Sar, o Carme, San Clemente ou rúa do Franco, que sofren danos importantes. Tamén a zona rural se ve afectada, porque logo das rozas non se limpan as gabias, coa conseguinte dificultade para o desaugamento, como ocorre na parroquia de San Xoán de Fecha; ou na Gracia, no lugar de Rebordaos, onde se asolagan leiras e baixos de vivendas. Outro dos rogos que defendeu o BNG no Pleno municipal foi destinado a que se adopten as medidas necesarias para mellorar a seguridade viaria na saída cara ao Outeiro na rotonda do Castiñeiriño, a reparación dun burato na rúa da Estrada, a reposición dun espello no lugar de Vilar en San Xoán de Fecha, a sinalización axeitada na rúa Trece Rosas, en Santa Marta, e o pintado da vía no acceso a Grixoa.

Deuse conta, así mesmo, da designación de “Saxo Tenor” a unha praza no barrio de Vista Alegre, como homenaxe a Roberto Vidal Bolaño, grazas a un rogo introducido polo BNG na anterior sesión plenaria.

Aprobada por unanimidade unha iniciativa do BNG para mellorar a calidade das escolas infantís