O BNG pregunta no Parlamento polo conflito das escolas infantís de Conxo e de Fontiñas
As deputadas Ana Pontón e Carme Adán queren saber que actuacións ten previsto levar adiante a Xunta para garantir un funcionamento normalizado destes centros educativos
Santiago de Compostela, 27 de novembro de 2013.- O Bloque Nacionalista Galego rexistrou dúas preguntas no Parlamento, a través das deputadas Ana Pontón e Carme Adán, para coñecer a valoración da Xunta de Galiza sobre a situación das escolas infantís de Conxo e de Fontiñas e para saber que actuacións ten previsto levar adiante para garantir un funcionamento normalizado destes centros educativos.
As escolas infantís de Conxo e de Fontiñas iniciaron o curso e desenvolveron o proceso de adaptación coa xestión dunha empresa que deixou de prestar os seus servizos o 29 de setembro, facéndose outra cargo da xestión no mes de outubro. Isto tivo, entre outras consecuencias, que algunhas aulas cambiasen a profesora, co que o proceso de adaptación tivo, en parte, que se iniciar de novo. Evidencia tamén o BNG que nin o persoal nin as familias foron coñecedoras do novo Proxecto Educativo do Centro e o curso reiniciouse sen Plan Anual nin programación, con todos os trambilicos que diso se derivan.
As escolas infantís do Concello de Santiago gozaron de prestixio entre as persoas usuarias, prestixio recoñecido tamén fóra do ámbito municipal, sendo por exemplo a de Conxo repetidamente destacada entre as mellores do Estado, indica Ana Pontón.
Segundo recolle o texto que rexistraron as deputadas nacionalistas, desde o mes de outubro sucédense as denuncias das familias e dos sindicatos por redución e cambios no persoal e por deficiencias organizativas e de funcionamento que repercuten directamente na calidade educativa e na calidade asistencial, que poñen de manifesto que a empresa adxudicataria da xestión do servizo non só non cumpre coa oferta coa que resultou gañadora do concurso senón que non chega a cumprir co prego básico.
Por este motivo, o BNG quere coñecer a valoración da Xunta de Galiza sobre este conflito e as actuacións que ten previsto para garantir un funcionamento normalizado destes centros educativos.