O BNG demanda medidas de seguridade viaria no Castiñeiriño, San Xoán de Fecha, Santa Marta e Grixoa
Presentou un rogo coas queixas veciñais que pretenden evitar accidentes en diversos barrios da cidade
Santiago de Compostela, 27 de novembro de 2013.- O Bloque Nacionalista Galego defenderá no Pleno municipal un rogo para que se adopten as medidas necesarias para mellorar a seguridade viaria na saída cara ao Outeiro na rotonda do Castiñeiriño, a reparación dun burato na rúa da Estrada, a reposición dun espello no lugar de Vilar en San Xoán de Fecha, a sinalización axeitada na rúa Trece Rosas, en Santa Marta, e o pintado da vía no acceso a Grixoa, entre outros.
Así, o grupo municipal do BNG, diante das queixas recibidas pola veciñanza destes lugares, considera necesario adoptar medidas de seguridade viaria en diversas zonas da cidade co obxectivo de evitar accidentes.
No barrio do Castiñeiriño hai, polo menos, dous puntos conflitivos e con risco para a seguridade da veciñanza. Un está na saída cara o Outeiro na rotonda do Castiñeiriño onde se producen con frecuencia saídas de vía; até o de agora os danos sempre foron materiais pero pode haber danos maiores de non buscar unha solución mellor ca a reposición da varanda. Outro punto con perigo está na rúa da Estrada, á altura do burato existente no SUNP 11; o estado do valado e a falta de luz cando anoitece son factores que fan moi perigoso o paso por este punto para vehículos e viandantes.
A non reposición dun espello para mellorar a visibilidade no lugar de Vilar (San Xoán de Fecha) constitúe un perigo para a veciñanza. A reposición ha de ter en conta o paso de vehículos altos e, xa que logo, ha de situarse a maior altura da que estaba, segundo explica a petición do BNG que se fai eco das demandas veciñais desta zona.
Por outra banda, a rúa Trece Rosas no barrio de Santa Marta remata, na zona máis achegada á Choupana, de xeito abrupto, o que implica un risco para a seguridade de peóns e vehículos por carecer de sinalización.
Estas localizacións non son as únicas que ofrecen problemas á veciñanza, pois o acceso a Grixoa dende O Son precisa de repintado nalgúns dos tramos para mellorar a seguridade viaria.