O BNG demandará no Pleno a retirada a suba do canon de Sogama, que será un 34% máis caro
En Santiago pode representar un incremento de 700.000 euros anuais, afirma a concelleira do BNG, Elvira Cienfuegos
Santiago de Compostela, 26 de novembro de 2013.- A concelleira do BNG, Elvira Cienfuegos, defenderá no vindeiro Pleno unha iniciativa para instar á Xunta a que retire a suba contemplada nos orzamentos para a xestión do lixo e para que calquera modificación se faga de común acordo cos concellos. A formación nacionalista demandará, ademais, unha revisión do plan de residuos para que, en lugar de construír unha nova incineradora, se promovan plans comarcais de reciclaxe e de compostaxe.
Segundo explicou a concelleira, é ben coñecida a preocupación dos concellos adheridos a Sogama pola pretendida subida do canon do tratamento do lixo, que pasaría dun 55,91 euros por tonelada de lixo tratada mais o IVE a 74,64; un incremento dun 34% neste momento no que as dificultades económicas das familias son evidentes. En concreto, en Santiago a suba deste canon de Sogama pode representar un incremento de 700.000 euros anuais, segundo os datos do propio Concello.
Lembrou que o BNG ten unha posición clara a respecto da xestión e do tratamento do lixo, expresada co seu apoio ás dúas iniciativas lexislativas populares debatidas no Parlamento galego, a primeira a mediados da década de 1990, en contra da incineración, e a segunda este mesmo ano, para a aplicación efectiva dos principios de redución, reutilización e reciclaxe de residuos en Galiza. Recordou tamén a posición do BNG local no mandato 1999-2003, cando houbo que tomar decisións sobre o modelo de xestión do lixo en Santiago e a formación nacionalista sempre defendeu modelos de xestión baseados na compostaxe da materia orgánica, é dicir, no aproveitamento da principal fracción do lixo, e na reciclaxe, por entender que son modelos ambientalmente sustentábeis e socialmente máis xeradores de emprego. Trátase dun modelo moito máis acorde cos principios recollidos na Lei 22/2011, unha transposición da directiva europea de residuos, engadiu.
Por contra, Sogama insiste na incineración dos residuos sólidos urbanos co fin da súa valorización enerxética, sen ter en conta outros principios reitores no tratamento do lixo de maior importancia ecolóxica, como a redución, a reutilización, a reciclaxe de residuos, a compostaxe e a proximidade no tratamento que, de ter consideración prioritaria, ademais de suporen un modelo de xestión máis sustentábel, traduciríase nunha contención de custos.
Pero ademais, Sogama destina ao vertido, é dicir ao enterramento, unha porcentaxe significativa do lixo que recolle, como pon de manifesto o elevado incremento anual do vertedoiro da Areosa. Por tanto, dado que se ten demostrado que o modelo actual, do que participan a maioría dos concellos de Galiza nin é vantaxoso ambientalmente nin economicamente, entendemos que o que procede, e para iso pediremos o apoio da corporación, é instar á Xunta de Galiza a retirar dos orzamentos do próximo ano o incremento previsto do canon de Sogama que deben satisfacer os concellos, afirmou.
O BNG defenderá ademais que calquera modificación que se pretenda pase obrigatoriamente por un consenso coa Fegamp e cos concellos implicados, coa participación de Sogama e da Consellaría con competencias en medio ambiente.
Avogará tamén por revisar en profundidade o Plan de Xestión de Residuos Urbanos de Galiza 2010-2020, eliminando a previsión de construír un nova incineradora de residuos urbanos e apoiando un modelo baseado en proxectos comarcais de reciclaxe e compostaxe, que posibilite a creación de emprego e alcanzar os obxectivos de recollida selectiva e reciclaxe dos modelos en funcionamento máis avanzados.
Cómpre recordar, dixo, que desde a aprobación da Lei 10/1997, os sucesivos Gobernos do PP na Xunta tiveron empeño en impedir a existencia de plans alternativos como o iniciado no Morrazo, que foi desmontado, ou como o que se está a desenvolver pola Mancomunidade da Barbanza, que se executa a pesar de non se lle ter permitido acceder a axudas en condicións cando menos análogas ás que tivo Sogama. Son modelos que priorizan a reciclaxe e compostaxe, que recollen criterios de proximidade e crean máis emprego directo, explicou a concelleira do BNG.