Elvira Cienfuegos afirma que é importante que as persoas imputadas deixen a representación municipal
Hai unha pugna entre os membros do Goberno local para resolver mellor cadanseus intereses persoais, en vez de atender os intereses da cidadanía
Santiago de Compostela, 26 de novembro de 2013.- A concelleira do BNG, Elvira Cienfuegos, afirmou a preguntas de xornalistas sobre os novos datos da operación Pokemon e do suposto financiamento irregular de PP e PSOE que é importante que as persoas imputadas deixen a representación municipal e que se abran novas vías para poder elixir de novo unha Corporación para Santiago.
Segundo explicou, estes datos volven poñer o Concello de Santiago en primeiro plano, pois das nove partes en que se divide a Pokemon catro corresponden a Compostela e ademais dáse a coñecer, pese ao segredo de sumario, unha nova liña de investigación como é o suposto financiamento irregular de PP e PSOE.
Dende o BNG lamentamos esta situación que ten formas semellantes noutras investigacións ao PP realizadas no Estado, sinalou en relación aos casos Gürtel e Bárcenas, e lamentamos que Compostela sexa noticia por este tipo de asuntos que agardamos que se clarifiquen canto antes para que se tomen decisións se hai culpábeis e, de non habelos, que se retiren as imputacións.
Provocan alarma social e desafección cidadá á política
Elvira Cienfuegos reclamou, mais unha vez, a petición de dimisión das persoas imputadas por razóns de imaxe institucional e de imaxe democrática, como procede nunha situación tan grave que produce tanta alarma social e desafección da cidadanía á política. Procede tomar decisións contundentes, reiterou, que poñan en evidencia que se deixan libres as institucións e os partidos para que as persoas poidan defenderse e, en calquera caso, deixarlle marxe ás institucións e ao quefacer democrático de cada día co fin de restituír a confianza da cidadanía.
Referiuse tamén a que a estas imputacións provocan que o Concello, que debería servir para atender as necesidades e os intereses xerais, se derive a outro tipo de preocupacións en función dos intereses de cada unha das persoas implicadas e, ademais, contribúe a que non haxa cooperación, colaboración nin sinerxías entre os distintos membros do Goberno local senón todo o contrario: hai unha pugna entre eles para resolver mellor cadanseus intereses persoais.
Lembrou ademais que o BNG se financia coas cotas da súa militancia, coas achegas dos cargos electos e coas subvencións públicas que percibe en función da súa representación institucional.