PLENO

Apróbase a moción conxunta de BNG, CA e PP para supervisar o cumprimento do contrato da empresa do servizo de recollida de lixo

pazo de Raxoi
pazo de Raxoi

Pretende garantir o cumprimento en canto a recursos materiais e humanos e mellorar a coordinación do servizo

Apróbase a moción conxunta de BNG, CA e PP para supervisar o cumprimento do contrato da empresa do servizo de recollida de lixo

Sae adiante, por unanimidade, a moción do BNG para garantir o uso compartido do pavillón multiusos da Lavacolla e arranxar o palco da música

Santiago de Compostela, 30 de novembro de 2022.- O BNG presentou unha moción conxunta, xunto con CA e PP, para realizar unha supervisión e control do contrato de recollida de limpeza viaria e residuos sólidos urbanos para garantir o seu cumprimento en canto a recursos materiais e humanos e mellorar a coordinación do servizo. Aprobouse cos votos de BNG, CA, PP e do concelleiro non adscrito; o PSOE abstívose.

Transcorridos seis meses desde que entrou en vigor o novo contrato coa mesma empresa adxudicataria que xa viña realizando este servizo con numerosas deficiencias, a situación non é que mellorase, senón que empeorou respecto de como se desenvolvía o servizo antes da recente adxudicación. Esa é a valoración que detalla a representación de traballadoras e traballadores que observa con preocupación como van pasando os meses e nin se cumpre co persoal estipulado, nin tampouco existe a nova maquinaria imprescindíbel para ter un servizo de calidade. Entre as repercusións negativas desa falta de persoal, de organización e de planificación están que non hai varrido de noite nin hai suplencia das baixas que se producen, o que impide que se realice a habitual oferta de días libres a cambio de traballar domingos e festivos.

O prego recolle un mínimo de 157 persoas para o servizo, o total estimado para a substitución de baixas e persoas a tempo parcial. Mais a día de hoxe o cadro de persoal está conformado por, aproximadamente, 137 persoas incluíndo tamén a xente contratada para suplir as baixas, recolle o texto da iniciativa.

A isto súmase a reclamación da asociación Porta Norte Compostela, que trasladou o malestar polas condicións de escasa limpeza nas rúas da Cidade histórica. Trátase dunha situación que no último ano se vén agravando, á marxe do incremento das persoas que visitan a cidade, cando o vehículo que está regando as rúas realiza a súa actividade a partir das dez da mañá, cando xa as rúas están cheas de xente, con todo o que supón a súa entrada nos estabelecementos comerciais, e coa imaxe de sucidade nunha cidade Patrimonio da Humanidade. Así, solicitan que se poida habilitar un horario adecuado para a realización desas tarefas de baldeado e limpeza das rúas anterior ás 8:00 da mañá.

Interpelación sobre a falta de actividades teatrais

Ademais, o BNG presentou unha interpelación sobre a causa de non publicar en tempo e forma o contrato de actividades teatrais dos centros socioculturais, para coñecer os pasos que se deron despois de ficar deserto o concurso, cando se van retomar as actividades teatrais e con que persoal van contar.

Apróbase a moción conxunta de BNG, CA e PP para supervisar o cumprimento do contrato da empresa do servizo de recollida de lixo