COMERCIO

O BNG inicia a campaña “Mellor local, mellor galego” co reparto de colantes no comercio para animar as compras de Nadal

Cousalinda
Cousalinda

Goretti Sanmartín percorreu numerosos estabelecementos para informar das propostas do BNG fronte á crise

O BNG inicia a campaña “Mellor local, mellor galego” co reparto de colantes no comercio para animar as compras de Nadal

Santiago de Compostela, 1 de decembro de 2022.- O BNG inicia o reparto de folletos e autocolantes da campaña “Mellor local, mellor galego” para impulsar as compras no comercio de proximidade. Ademais, durante o percorrido realizado, a portavoz municipal Goretti Sanmartín ofreceu información sobre a manifestación do vindeiro 18 de decembro que sae ás 12:00 da alameda compostelá contra a crise da alza de prezos. “Desde o BNG facemos un chamamento á poboación de Santiago e da comarca para que vaia ao comercio local para a compra de agasallos nestas datas que se aproximan”, afirmou.

En concreto, en Santiago de Compostela o comercio representa o 15% das afiliacións á Seguridade Social e, por tanto, é un elemento central na economía local e un sector chave para soster a función residencial e o benestar. “Sabemos que o comercio ten problemas porque existen concentracións significativas de baixos baleiros en rúas centrais da cidade, algo que deteriora a imaxe urbana, incrementa a sensación de inseguranza e limita a economía local”, indicou Goretti Sanmartín en declaracións a xornalistas de medios de comunicación. “Por iso no BNG apostamos por ese comercio de proximidade ao que se pode ir sen necesidade de coller o coche, que fomenta espazos de socialización, que deixa o diñeiro na propia comunidade”, explicou.

“Hai outro problema que é a substitución de estabelecementos tradicionais que proporcionan bens e servizos á poboación local polas tendas de souvenirs, perdendo unha parte do patrimonio material e inmaterial da localidade”, engadiu. Por iso, o BNG propón facer unha normativa municipal sobre o comercio de souvenirs e adoptar medidas de apoio a aqueles estabelecementos que, pola súa longa traxectoria ou por subministraren bens e servizos esenciais, deben considerarse de interese local, con políticas de rexeneración urbana para atallar a proliferación de baixos comerciais baleiros. Trátase dunha medida que se pode facer desde o propio Consorcio da Cidade de Santiago e que o BNG xa propuxo en diversas ocasións, cun incremento do orzamento, para pór en marcha unha estratexia municipal de adquisición e de rehabilitación de baixos comerciais baleiros e ofrecelos en réxime de alugueiro a iniciativas comerciais de interese municipal, priorizando proxectos da xente nova desempregada, co obxectivo tamén de recuperar oficios tradicionais, construír ferramentas para combater o cambio climático centradas na reparación de obxectos, na compra-venda de artigos de segunda man e que favorezan a economía circular.

“Tamén apostamos por realizar un programa de mediación e asesoramento gratuíto entre titulares de locais baleiros e persoas ou entidades interesadas en alugalos a prezos asequíbeis, nunha negociación que pode ser de maneira tripartita, que é imprescindíbel para revitalizar o comercio na cidade de Santiago de Compostela”, sinalou a portavoz municipal nacionalista en Raxoi.

O BNG inicia a campaña “Mellor local, mellor galego” co reparto de colantes no comercio para animar as compras de Nadal