INSTITUCIONAL

Goretti Sanmartín: “Desde o BNG conseguimos que o Concello de Santiago erga un monumento a Ánxel Casal”

Goretti Sanmartín
Goretti Sanmartín

Servirá para lembrar o editor e alcalde nacionalista asasinado, que viu truncado pola ditadura franquista o proxecto para “unha mellora importantísima dunha cidade insigne no mundo”

Goretti Sanmartín: “Desde o BNG conseguimos que o Concello de Santiago erga un monumento a Ánxel Casal”

Santiago de Compostela, 2 de decembro de 2022.- O BNG conseguiu que o Concello de Santiago erixa un monumento a Ánxel Casal, en memoria do alcalde nacionalista asasinado en 1936 e fundador da editorial Nós.

Para o BNG, trátase dun grande acontecemento e dunha reivindicación histórica que a cidade de Santiago conte cunha escultura para recoñecer a figura de Ánxel Casal, que foi integrante das Irmandades da Fala, fundador das editoriais Lar e Nós, membro do Partido Galeguista, impulsor do Estatuto do 36, vicepresidente da Deputación da Coruña e alcalde de Santiago de Compostela.

“En ausencia dun acto institucional como merece, desde o BNG organizamos cada mes de agosto, coincidindo coa data do seu asasinato, unha tradicional homenaxe a Ánxel Casal, convertida nun evento para honrar con dignidade colectiva a memoria do alcalde nacionalista que tiña en proxecto unha importante transformación urbana e cultural para Santiago de Compostela”, explicou Goretti Sanmartín.

“Con este monumento, Santiago de Compostela disporá dun elemento para reparar a memoria histórica e dar a coñecer o labor de Ánxel Casal”, sinalou, “un logro conseguido despois de ser aprobado a iniciativa do BNG no Pleno, na Comisión especial de memoria histórica e de insistir durante anos”.

A represión franquista e o seu asasinato truncaron proxectos de Ánxel Casal para destinar a Museo Nacional Galego o daquela denominado Hospital Real da praza do Obradoiro, que finalmente o franquismo converteu no Parador do Hostal dos Reis Católicos; a galeguización do rueiro de Santiago; a organización do Ano Xubilar compostelán de 1937 en colaboración con entidades sociais e culturais e coa Asociación de Escritores/as de Galiza recentemente constituída; o apoio ao cinema galego; a dotación de libros e dicionarios de lingua galega nas escolas; ou o deseño racionalista do Ensanche e dos novos accesos á cidade a través da que sería a “Rúa de Galicia”, co proxecto urbanístico de Antonio Palacios para “unha mellora importantísima dunha cidade insigne no mundo".

 

Goretti Sanmartín: “Desde o BNG conseguimos que o Concello de Santiago erga un monumento a Ánxel Casal”