SOCIAL
O BNG organiza en Santiago un acto sobre as medidas contra a crise, a suba de prezos e a precariedade
Participarán a portavoz nacional Ana Pontón, a portavoz municipal Goretti Sanmartín e o integrante da Rede Europea contra a Pobreza Xosé Cuns
Santiago de Compostela, 9 de decembro de 2022.- O BNG anima a asistir a un acto aberto para dar a coñecer as medidas contra a crise, a suba de prezos e a precariedade con propostas alternativas que contribúen á mellora da calidade de vida. Será o martes 13 de decembro ás 20:00 horas no Museo das Peregrinacións, na praza das Praterías, en Santiago de Compostela.
Neste evento, Ana Pontón, portavoz nacional do BNG, Goretti Sanmartín, portavoz do grupo municipal no Concello de Santiago, e Xosé Cuns, da Rede Europea contra a Pobreza e a Exclusión Social ofrecerán datos e alternativas para combater a crise socioeconómica actual.
“No caso concreto de Compostela, hai 10 anos a taxa de risco de pobreza era do 8,49%, mais na actualidade está no 15,46%”, explicou Goretti Sanmartín, “e o confinamento e os ERTE fixeron aflorar a inmensa cantidade de persoas, fundamentalmente mulleres, que traballan na economía somerxida e que padecen un grao álxido de precariedade”.
O risco de pobreza en poboación infantil e xuvenil aumentou en Galiza para se situar no 34%, ao tempo que se incremente a taxa de pobreza severa nas mulleres, que chega ao 9%. A feminización da pobreza afecta de maneira especial as familias monoparentais con crianzas, a inmensa maioría conformadas por mulleres. No caso das persoas maiores de 65 anos, Galiza é dos lugares do Estado español con maior porcentaxe de pensións por debaixo do limiar da pobreza (un 52,8%).
“Desta maneira, os servizos sociais dos concellos están desbordados para atender moitas casuísticas novas, entre as que sobresae a daquelas persoas que continúan a traballar, como fixeron nos últimos anos, mais a quen o salario non lles chega para afrontar os gastos de alimentos, enerxía ou roupa”, sinalou.
“Nestas condicións, que o Goberno galego decidise retirar a Tarxeta básica é unha indignidade, porque foi a ferramenta que permitiu que moitos fogares afrontasen gastos imprevistos ou puidesen comer alimentos como carne ou peixe, hoxe un auténtico luxo como parte habitual dos menús”, advertiu Goretti Sanmartín.
“Esta campaña do BNG rematará cunha manifestación o domingo 18 de decembro ás 12:00 na alameda de Santiago de Compostela, en que tamén convidamos a participar para unir forzas a esta demanda social contra a crise, a precariedade e a alza de prezos”, engadiu.