COMERCIO
Pontón propón impulsar unha nova lei do comercio local que o protexa
Pecharon 8.500 comercios de proximidade baixo un Goberno do PP que nas contas de 2023 destina ao sector menos investimento que en 2009
O BNG volve lanzar a campaña Mellor local, mellor galego de aposta polo comercio de proximidade convidando a comprar made in Galiza nun momento no que se dispara o consumo
Santiago de Compostela, 12 de decembro 2022.- O BNG elixiu a compostelán Libraría Komic para presentar a campaña de apoio ao comercio local que, baixo o lema, Mellor local, mellor galego, desenvolve cada ano por estas datas, unha das de máximo consumo de todo o ano.
“Quero facer un chamamento, un convite, a consumir no comercio local e a consumir produto local, tanto fresco como manufacturado, sempre que teñamos esta opción”, solicitou a portavoz nacional, Ana Pontón, quen subliñou as vantaxes de apostar polo made in Galiza. “A calidade está garantida e, ademais, estamos deixando a riqueza no País fomentando a creación de emprego e fortalecendo un sector esencial para o dinamismo económico e social de vilas e cidades”, alegou.
Comercio local como a Libraría Komic, un espazo que leva 35 anos difundindo banda deseñada, que exemplifica perfectamente o que podemos atopar no comercio de proximidade: “atención personalizada e de calidade e consello ben informado na nosa compra”, indicou a líder do Bloque.
Pontón destacou que este sector xera riqueza e emprego, “pero é ademais un factor de dinamismo social porque enche de vida as os barrios das vilas e cidades”, xusto o contrario da imaxe de tristeza, deterioro e abandono que transmiten as rúas con persianas baixadas e locais baleiros.
Malia a importancia do sector, en Galiza pecharon 8.500 comercios locais até 2020, ante a incompetencia dun Goberno do PP “que nos orzamentos de 2023 destina dez millóns de euros menos que en 2009”, criticou a nacionalista.
Para impulsar e promover “un sector clave, tanto desde o punto de vista económico como da creación de emprego”, o BNG pon sobre a mesa unha batería de propostas, empezando por promover unha nova Lei de comercio “adaptada á realidade actual e que reforce o papel do comercio de proximidade na economía galega”, unha nova lei que, por exemplo, regule horarios e regule as tempadas de rebaixas porque a lexislación liberal do Partido Popular está feita á medida das grandes áreas.
Igualmente, o Bloque propón unha moratoria na instalación de grandes superficies comerciais, porque é un modelo saturado que ademais xera problemas na trama urbana das cidades e ten prácticas que dificultan a supervivencia do comercio de proximidade, explica a líder nacionalista.
Ademais dunha lexislación que protexa o comercio local, o BNG propón un Plan Integral de Promoción do Comercio de Proximidade, elaborado previa diagnose e coa participación de todos os actores implicados. Un plan que permita ao sector superar esta crise e fortalecerse ganando en competitividade, para o que o Bloque presentou unha emenda orzamentaria de 19,5 M€ para iniciar a súa posta en marcha.
Plataforma galega online
Mellorar a dixitalización do sector e a formación do persoal. E, nese sentido, promover a implantación dunha plataforma de venda online galega que permita ao comercio local sumarse a un hábito de consumo que xa é habitual, “pero sen someterse ás imposicións de multinacionais como Amazón”.
Finalmente, o BNG tamén suma medidas que completan as axudas ao comercio local como impulsar o asociacionismo, fomentar o emprego de calidade, a mellora do urbanismo, accesibilidade, limpeza e seguridade das zonas de comercio, campañas de apoio, modernizar os mercados municipais e promover o relevo xeracional.
Na presentación da campaña tamén participou a portavoz parlamentaria de comercio, Carmela González, e a portavoz municipal en Santiago, Goretti Sanmartín, quen indicou que na cidade o comercio representa o 15% das afiliacións á Seguridade Social e, por tanto, é un elemento central na economía local e un sector chave para soster a función residencial e o benestar.
Compostela, capital do comercio local
“Santiago ten que exercer de capital do comercio e ten posibilidades para facelo, con comercios especializados e atractivos, como este en que nos encontramos”, recalcou, destacando tres cuestións relativas á situación do comercio na capital do País. A primeira é a gran cantidade de baixos baleiros en rúas centrais da cidade, “algo que deteriora a imaxe urbana, incrementa a sensación de inseguridade e limita a economía local”, alertou.
Segundo Goretti Sanmartín, “teñen que desenvolverse políticas de rexeneración urbana para atallar a proliferación de baixos comerciais baleiros, unha medida que se pode facer desde o propio Consorcio da Cidade de Santiago, cun incremento do orzamento, para pór en marcha unha estratexia municipal de adquisición e de rehabilitación de baixos comerciais baleiros e ofrecelos en réxime de alugueiro a iniciativas comerciais de interese municipal”.
E terceira cuestión, o problema “relevante” que supón, explicou, “a substitución de estabelecementos tradicionais que proporcionan bens e servizos á poboación local polas tendas de souvenirs. Por iso, o BNG propón facer unha normativa municipal sobre o comercio de souvenirs e adoptar medidas de apoio a aqueles estabelecementos que deben considerarse de interese local”, concluíu Sanmartín.